O CPETIG ORGANIZA A V XORNADA SOBRE INFORMÁTICA XUDICIAL, PERITAXE TÉCNICO E PROBA ELECTRÓNICA

 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2015.- Ao obxecto de dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que se incrementa a efectividade e a eficacia da Administración xudicial co uso das novas tecnoloxía ademais de concienciar os xuristas dos avances en materia probatoria nos casos nos que intervén a informática, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), organiza a V Xornada sobre informática xudicial, peritaxe técnico e proba electrónica que terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia en Santiago de Compostela o día 21 de outubro.

O desenvolvemento dos dispositivos electrónicos móbiles, as redes de comunicación e outras ferramentas informáticas abriron un amplo abano de posibilidades para as relacións sociais e comerciais pero tamén un novo cúmulo de riscos, moitas veces descoñecidos dos que os usuarios non foron advertidos ou protexidos axeitadamente.

E así, a Lei, como elemento organizador das relacións sociais tamén experimenta unha importante evolución cara á adaptación á nova realidade que xeneraron elementos da contorna dixital como a Internet.

Habida conta do recente desta normativa, así como a súa complexidade técnica e casuística variada, faise preciso difundir entre o Poder Xudicial e os xuristas en xeral, non só os seus contidos, senón tamén a nova realidade tecnolóxica que a xenera así como as novas ferramentas coas que contan estes profesionais para facela valer e aplicala ao caso concreto.

Amplo programa con prestixiosos expertos

Polo tanto, esta V Xornada sobre informática xudicial, peritaxe técnico e proba electrónica vai dirixida a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, que terán a oportunidade de coñecer a opinión dos expertos nesta materia máis importantes do noso país, a través dos distintos relatorios organizados polo CPETIG, baixo a dirección técnica do especialista Víctor Salgado –avogado socio do bufete Pintos & Salgado- e a colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)

A xornada comezará ás 8.30 horas do día 21 de outubro coa recepción e entrega de documentación.

Logo, ás 9.00 horas terá lugar a presentación do evento e xa seguido o relatorio “Os retos xurídicos da ciberseguirdade”, do letrado da Cortes, Pablo García Mexía, autor de “A Lei na Rede” de ABC.

O segundo relatorio desenvolverase a partir das 10.30 horas e será pronunciado polo maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, quen disertará sobre “A validez da proba electrónica en sede xudicial”.

Despois do café, Luis Jiménez, subdirector xeral do Centro Nacional de Intelixencia (CNI) disertará sobre “A ciberdefensa e a protección das infraestructuras críticas no século XXI”. Ás 13:00 horas se celebará unha mesa redonda, moderada por Víctor Salgado, sobre “O difícil equilibrio entre a liberdade e a seguridade en Internet”

Xa pola tarde, Juan Luis G. Rambla, consultor de Seguridade e Sistemas, pronunciará o relatorio “Os hackers e o desafío á seguridade informática”.

Deseguido intervirá o fiscal do Servizo de Criminalidade Informática da Fiscalía Xeral do Estado, Jorge Bermúdez, quen falará sobre “Os kackers son de Marte e os xuíces de Venus”. A xornada rematará cunha mesa redonda sobre “Hackers: ¿ameaza ou garantes da seguridade na Rede?”

Máis información e inscrición