Un grupo de 30 profesionais asistiron ao curso de auditoría no Esquema Nacional de Seguridade, ENS, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.
O curso, que rematou esta fin de semana, foi impartido por Juan Luis García Rambla e Diego Cordero, de Sidertia. A trintena de profesionais participantes están agora cualificados para realizar as auditorías previstas no marco do RD 3/2010 de implementación do ENS no ámbito da administración pública. O ENS está deseñado para garantir o acceso, integridade, dispoñibilidade, autenticidade, confidencialidade, trazabilidade e conservación dos datos e informacións utilizadas en medios electrónicos xestionados polas administracións públicas no exercicio das súas competencias.
Os contidos teóricos do curso estiveron centrados nos fundamentos da implementación do ENS e nas medidas para cada un dos marcos que constitúen a norma de seguridade, estando complementados con sesións prácticas de revisión das medidas aplicables e da súa adecuación para o nivel establecido.