En setembro, curso de DPO organizado polo CPETIG e a Amtega

O CPETIG, en colaboración coa Amtega,  organiza un curso especializado sobre a figura do delegado de Protección de Datos, DPO, que terá lugar na Cidade da Cultura en dúas fins de semana consecutivas do vindeiro mes de setembro.

O curso, de 20 horas de duración, desenvolverase os días 7, 8, 14 e 15 de setembro, en horario de tarde para as sesións dos venres e de mañá para as sesións dos sábados. Impartido por profesionais do Centro de Formación de AENOR, os contidos estarán centrados nos fundamentos e principios da nova regulamentación de Protección de Datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas de responsables e encargados do tratamento de datos e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do Delegado de Protección de Datos, DPO, nas autoridades de control e no réxime sancionador.

A formación está aliñada co esquema de certificación da Axencia Española de Protección de Datos e contempla o recoñecemento de parte do primeiro itinerario (30 horas) para optar ao exame de certificación.

Esta formación vai dirixida a responsables de seguridade e cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.

Obxectivos

O curso vai ofrecer unha visión xeral da normativa europea de Protección de Datos, incidindo en aspectos prácticos para as entidades responsables do tratamento e aos seus prestadores de servizos. Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo.

Inscrición

Eventbrite - Curso Especialista en Protección de Datos (DPO)