CEPRAL

O CPETIG ofrece o servizo de Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais, CEPRAL. A finalidade desta certificación é facilitar, por medio da experiencia profesional demostrada, o acceso a melloras laborais e a obtención de validacións académicas.

Este servizo está dirixido principalmente aos profesionais informáticos, formados académicamente, pero tamén está aberto a todos aqueles profesionais da informática que non dispoñen de titulación académica.

A razón de ampliar este servizo a persoas non tituladas está, na aínda curta traxectoria desta disciplina da enxeñaría e na gran demanda deste perfil profesional dende hai dúas décadas, un factor que contribuiu a que moitas persoas se incorporasen á actividade sen a formación académica previa desexable e habitual noutras disciplinas.

Polo tanto, recoñecendo esta realidade, o CPETIG ofrece o servizo CEPRAL a todos os profesionais da informática que evidencien a súa experiencia profesional nos perfís propios da enxeñaría técnica informática.

En cumprimento da súa misión de estruturar a profesión de enxeñaría técnica informática, o CPETIG expide estas certificacións co propósito de que sexan de utilidade, laboral ou académica, para os profesionais informáticos que teñen suficiente experiencia demostrable.

Neste contexto, o CPETIG ten asinado un convenio de colaboración coa USC para facilitar á universidade o Recoñecemento Académico de Experiencia Profesional, RAEP, a través do certificado CEPRAL.