· Cun total de case 30 talleres executados durante o mes de xullo, agosto e o que vai de setembro, e dúas sesións adicionais no Gaiás Tech
· Estiveron liderados polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia dentro do convenio firmado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Santiago 10 de setembro de 2024.- Hoxe martes, día 10 de setembro, rematan os obradoiros Girl Steam 2024 que ao longo do verán se desenvolveron nas aulas CeMIT do Concellos galegos. A última sesión estase a desenvolver hoxe no concello de Carballedo.
En total, uns 200 nenos e nenas veñen de participar nestes obradoiros dende que comezou a actividade a principios do mes de xullo.
O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia chegan así ao final do desenvolvemento deste novo ciclo de obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e nenos.
Ata a actualidade están executados entre o mes de xullo, agosto e setembro 30 talleres, a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT dos concellos de Galicia.
Este novo ciclo de obradoiros deu comezo a principios do mes de xullo na aula CeMIT de Moaña. Cada concello contou con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Contidos dos obradoiros
Nos obradoiros, profesionais da informática achegaron ao alumnado ao funcionamento das placas micro bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Así, a rapazada aprenden a identificar as súas principais funcións e programan con diferentes comandos. Traballan en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continúase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.