Santiago, 5 de setembro de 2025.- Case 300 rapaces e rapazas foron os protagonistas este verán dos obradoiros Girl Steam que se desenvolveron en 14 Concellos de Galicia dende que comezou a actividade a principios do mes de xullo, e ata hoxe, venres, 5 de setembro, co derradeiro desta sesión en Guitiriz.
O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia poñen así fin ao desenvolvemento deste novo ciclo de obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e nenos.
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.
