Fin a IX edición do Programa Scratch Day 2024

·         Hoxe día 19 de outubro coa xornada final do programa na Cidade da Cultura

Santiago, 19 de outubro do 2024.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, dentro do convenio firmado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia puxo fin hoxe ao programa Scratch Day cunha sesión na Cidade da Cultura.

A iniciativa buscou derrubar mitos en torno á programación informática e espertar e fomentar vocacións no ámbito STEAM dende idades temperás.

Estivo dirixido á rapazada de entre 7 e 15 anos e desenvolveuse entre os meses de setembro e outubro con catro xornadas formativas nas aulas CeMIT de Guitiriz, Tomiño, Celanova e Fisterra.

O ciclo rematou hoxe cunha xornada final na Cidade da Cultura, na que tamén tivo lugar unha acción formativa específica para profesorado e formadores de centros de ensino.

O obxectivo deste encontro foi mostrarlles aos docentes as vantaxes de traballar e ensinar a través deste tipo de tecnoloxía, coa que poden incentivar a creatividade, o emprendemento e a capacidade de resolución de problemas.

Nesta edición os participantes nas xornadas realizaron tres videoxogos relacionados con deportes presentes nos Xogos Olímpicos. Nunha primeira fase, fixeron unha introdución aos videoxogos con Scratch e a continuación os asistentes elaboraron videoxogos relacionados con deportes olímpicos cos que poder participar nunha competición.