Privacidade, xenética e intelixencia artificial, protagonistas da X Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos IURISTICGAL

Os mecanismos para garantir a privacidade, os medios de proba eficaces na loita contra os ciberdelitos, o tratamento de datos xenéticos e a intelixencia artificial como apoio da labor xudicial serán protagonistas da décima edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos IURISTICGAL, que terá lugar o 21 de outubro en formato mixto, presencial e streaming.

A organización da xornada conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) no marco do convenio asinado co Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) para a realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia.

O obxectivo desta edición de IURISTICGAL é dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica ao tempo que incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.

 

Poñentes expertos

A xornada está estruturada en catro relatorios e rematará cunha mesa redonda na que os poñentes xunto aos participantes debaterán sobre o poder da tecnoloxía na protección dos dereitos da cidadanía e a optimización do funcionamento da xustiza.

Juan Corvalán, fiscal xeral adxunto de Buenos Aires, Arxentina e creador e desenvolvedor de Prometea; Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional; Pilar Nicolás Jiménez, profesora de Dereito e investigadora da Cátedra de Dereito e Xenoma Humano da Universidade do País Vasco; e Carmela Troncoso, profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana, Suíza; e fundadora do protocolo DP-3 T adoptado por Apple e Google nas suas Apps de rastrexo COVID son los poñentes expertos que impartirán os relatorios principais da xornada.

 

Inscricións

A inscrición na xornada para o público xeral quedará aberta o venres, 24 de setembro, a través de http://iuristicgal.cpetig.gal/#, onde tamén está dispoñible o programa completo.