Preto de 150 nenos e nenas participaron nos obradoiros Girl Steam 2024
· A actividade chega ao ecuador do seu desenvolvemento cun total de 13 tallares executados durante o mes de xullo, e o que vai de agosto
· Está liderada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia dentro do convenio firmado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2024.- Preto de 150 nenos e nenas veñen de participar nos obradoiros Girl Steam 2024 dende que comezou a actividade a principios do mes de xullo ata a actualidade, no ecuador do seu desenvolvemento.
O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia chegan ao ecuador do desenvolvemento deste novo ciclo de obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e nenos.
Ata a actualidade están executados entre o mes de xullo e o que vai de agosto 13 talleres, a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT dos concellos de Galicia.
Este novo ciclo de obradoiros deu comezo a principios do mes de xullo na aula CeMIT de Moaña. Posteriormente en Leiro, Betanzos, Cuntis, Brión, Celanova, Fisterra, Ortigueira e Castrelo. Adicionalmente, os días 5 e 6 de setembro tamén se celebrará un obradoiro no Centro Gaiás Tech na Cidade da Cultura.
Cada concello conta con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Contidos dos obradoiros
Nos obradoiros achégase ao alumnado ao funcionamento das placas micro bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenden a identificar as súas principais funcións e programan con diferentes comandos. Traballan en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continúase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.