Presentación do Máster de Enxeñaría Informática da ESEI UVigo

Este serán terá lugar a presentación do Máster Universitario en Enxeñaría Informática, MEI, da  Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo, nun acto que dará comezo ás 16.30 horas no Salón de Graos da Escola en Ourense.

No trascurso do mesmo daranse coñecer as novidades desta nova edición respecto ás anteriores. Entre esas novidades, hai que subliñar que este ano, por primeira vez, os enxeñeiros técnicos informáticos poden acceder ao MEI sen necesidade de complementos formativos. De seguido presentaránse o Programa de Becas Abbilia de Optare Solutions e o Programa da Cátedra ViewNext.

O acto inclúe tamén dúas conferencias, a titulada “Rompendo o monolito: caso real de reenxeñaría dunha aplicación Telco”, a cargo de Vitor Fernández, senior analyst de Optare Solutions; e “Principais modelos Ecommerce”, pronunciada por Jacobo Adolfo Rodríguez, responsable de Implantación de Ecommerce en ViewNext.

“O Máster Universitario en Enxeñaría Informática pola Universidade de Vigo ten como obxectivo primordial a preparación de profesionais altamente cualificados, capaces de planificar, deseñar, dirixir, coordinar e xestionar proxectos, produtos, procesos e instalacións en todos os ámbitos da Enxeñaría Informática”, segundo explica a web da ESEI UVigo.

Este Máster ten unha carga docente de 90 ECTS, impártese durante tres cuadrimestres (un curso e medio), e ten tres orientacións ou intensificacións:

  • Dirección de Informática.
  • Deseño e Administración de Sistemas e Redes.
  • Desenvolvemento de Grandes Sistemas Software.