As grandes oportunidades que ofrece a tecnoloxía blockchain, a investigación de delitos dixitais e a aplicación de sistemas de garantías para conciliar seguridade e privacidade centraron os contidos da VIII Xornada de Informática Xudicial, #IURISTICGAL18, celebrada hoxe na Cidade da Cultura, organizada polo CPETIG e a Amtega.
Na sesión, que reuniu a máis dun cento de profesionais procedentes maioritariamente do ámbito xurídico, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou no discurso de inauguración a contribución dos colexios profesionais á dixitalización de Galicia e, en particular, iniciativas como estas xornadas do CPETIG, incidindo na importancia da formación permanente en materia de ciberseguridade. Pola súa banda, a directora da Amtega, Mar Pereira, subliñou a actualidade dos temas abordados nesta VIII edición, protagonizada por tecnoloxías disruptivas como o blockchain.
O presidente do CPETIG, Marcos Mata, aproveitou este foro profesional para reivindicar unha vez máis a regulación da informática. “O ano pasado por estas datas asistiamos esperanzados ao compromiso formal do anterior secretario de Estado para a Sociedade da Información e Axenda Dixital para a incorporación das Enxeñarías en Informática ao catálogo de profesións con cualificacións profesionais, pero desafortunadamente a vontade política non foi acompañada de accións administrativas en tempo e forma. Así, dez anos despois, dixo, estamos na mesma situación de partida para que a prestación de servizos informáticos nos eidos que afectan á nosa seguridade ou á protección dos nosos datos persoais conten coa regulación que lle dea as convintes garantías á cidadanía”.
Blockchain, tecnoloxía sen intermediarios a salvo de ciberataques
O primeiro dos relatores, Santiago Márquez, un dos pioneiros na escena blockchain en España, puxo de relevo as posibilidades da transformación dixital a través desta tecnoloxía de cadenas de bloques, aplicable a calquera sector: finanzas, seguros, loxística, enerxía, sanidade, etc. O blockchain sirve para eliminar intermediarios e, segundo o experto, representa vantaxes como “a inmediatez das transaccións e a reducción de riscos nas operacións”, xa que quedan a salvo de fraudes e ciberataques.
Segundo Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, “as grandes oportunidades que abren as tecnoloxías deben ir acompañadas dunha sólida conciencia das ameazas e fendas de seguridade que poden supoñer”, poñendo de relevo na súa intervención a necesidade de aplicar estrictos sistemas de garantías.
A volatidade da evidencia dixital e as dificultades da investigación dos ciberdelitos foron o eixo do relatorio de Silvia Barrera, consultora en ciberseguridade, experta en cibercrime e inspectora da UIT da Policía Nacional, agora en excedencia. Roubo de contrasinais, suplantación de identidade ou hackeos de whatsapp son algúns dos exemplos citados pola experta para ilustrar que en 2016 se presentaron en España 60.154 denuncias de ciberdelitos, que representan aproximadamente o 5% dos delitos cometidos en internet, dos que somentes se esclarece unha pequena parte.
Os relatorios completáronse coa intervención de Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, que explicou a necesidade dunha resolución xudicial expresa para a “invasión do dereito ao entorno dixital de toda persoa investigada”, xa que a incautación durante un rexistro domiciliario do dispositivo donde estea a información non lexitima o acceso ao seu contido, que precisa dunha autorización xudicial expresa. O maxistrado considera que hai que “introducir sensatez na práctica e autorización dos rexistros informáticos e de dispositivos electrónicos que conteñan información posiblemente delictiva, non executándose maximalistamente, senón centrando a ocupación previamente a ser practicada, coa información de que se dispoña”.
A VIII Xornada de Informática Xudicial rematou cunha mesa redonda, moderada por Víctor Salgado, director técnico de IURISTICGAL18.