Pecha o Girl Steam 2026 mañá xoves no Gaiás Tech

  • A iniciativa desenvolveuse nos meses de verán en 19 concellos galegos, a través da Rede CeMIT, con obradoiros prácticos de experimentación tecnolóxica.
  • Os talleres, nos que participaron ata o momento 334 rapazas e rapaces de entre 9 e 16 anos, tiveron como obxectivo dar visibilidade ao papel da muller no ámbito tecnolóxico e promover referentes femininos nas disciplinas STEAM.
  • Os 30 talleres formaron parte do convenio de colaboración entre a Amtega e o CPETIG e rematan este xoves tres de setembro no Centro Gaiás Tech

 

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2026.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega)  impulsaron este verán unha nova edición da iniciativa Girl STEAM, un programa de obradoiros prácticos orientado a espertar vocacións tecnocientíficas entre a mocidade galega e contribuír a reducir a fenda de xénero nas profesións vinculadas á ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, as artes e as matemáticas. En total desenvolvéronse 30 talleres en 19 concellos nos que participaron, ata o momento, 334 nenos e nenas.e que comezaron o día 29 de xuño, en Betanzos e Pontevedra.

As actividades rematan mañá xoves, tres de setembro, cun obradoiro no Centro GaiásTech, na Cidade da Cultura en horario de 10 da mañá a 14 horas.

 Aprender tecnoloxía desde a creatividade e a colaboración

Durante os meses de verán, os obradoiros combinaron actividades prácticas de robótica, creación audiovisual e programación creativa, fomentando valores e competencias clave para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade.

Este ano traballouse co kit de placas Arduino e empregouse Mblock como contorna de programación.

No desenvolvemento dos obradoiros tratáronse mensaxes e elementos transversais como:

  • A igualdade.
  • Sentido crítico ante a tecnoloxía.
  • Uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo.
  • A colaboración e o traballo en equipo.
  • A importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.