O panorama internacional da dirección de proxectos TI en #SilverBullet18

O II Congreso de Dirección de Proxectos TI, #SilverBullet18, ten este ano como principal novidade a internacionalización dos seus contidos. Mentres a primeira edición servíu para facer unha prospección do panorama nacional, esta vez ampliarase o punto de mira ao escenario internacional, con experiencias que chegarán de Bruxelas e México, abrindo o foco de interese máis aló do horizonte do noso país.

Organizado polo CPETIG e a AMTEGA, #SilverBullet18 está centrado nas novas tendencias na dirección de proxectos e xestión de persoas no ámbito TI e desenvolverase como un foro de debate dirixido a empresas e profesionais vinculados á xestión e dirección de proxectos TI, expertos, investigadores e docentes implicados na formación de futuros profesionais nesta área.

A mirada internacional terá os nomes propios de Laurent Kummer, coautor da metodoloxía oficial de xestión de proxectos das institucións europeas, publicada en 2016 como OpenPM², e autor do best seller The Lean Project Management; e Santiago Vázquez, director do Instituto de Liderado do Tecnolóxico de Monterrei (México). O panel de relatores complétase con Santiago Cabaleiro, responsable de Valor Persoas do Grupo Visual MS, empresa viguesa premiada como Best Workplace 2017, e  Rafa García, fundador de Valor 2.0 e experto en productividade persoal e entornos colaborativos.

#SilverBullet18 rematará cunha mesa redonda, moderada por Berta Candendo, responsable de Content Factory en Netex Learning, para avivar o debate e favorecer a participación do público sobre as cuestións máis candentes, seguida dunha comida networking que porá fin ao II Congreso de Dirección de Proxectos.

Empresas colaboradoras

#SilverBullet18 desenvolverase coa colaboración das empresas tecnolóxicas Balidea,  Plexus, Councilbox e Hacce Conversion&Design.

O prazo de inscricións está aberto e poden formalizarse en http://silverbullet.cpetig.gal/