A ética e o respeto aos dereitos individuais foron o fío conductor do foro sobre “Intelixencia artificial”, que centrou a temática de Iuristicgal19, unha xornada celebrada esta mañá na Cidade da Cultura, organizada polo Colexio de Enxeñaría Técnica Informática, CPETIG, e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, á que asistiron preto dun cento de participantes, maioritariamente profesionais da xustiza, secretarios xudiciais, avogados e peritos informáticos.
No acto de inauguración, tanto a directora da AMTEGA, Mar Pereira, como o presidente do CPETIG, Marcos Mata, coincidiron en apelar aos principios éticos, aos dereitos individuais e á seguridade para a aplicación da intelixencia artificial á xustiza. Mar Pereira expresou a súa aposta por un escenario no que “deben convivir a intelixencia artificial e a intelixencia humana, nun marco xurídico e ético”. Marcos Mata, pola súa banda, subliñou a relevancia da intelixencia artificial para mellorar a xustiza, axilizando os procedementos xudiciais e acortando prazos, se ben o seu uso “debe estar matizado pola intelixencia humana, para correxir o defecto das máquinas que tenden a repetir os esquemas co risco de reforzar certos estereotipos”. E apelou á necesaria regulamentación para salvagardar os dereitos individuais.
Na súa intervención, Moisés Barrio, letrado do Consello de Estado e autor do libro “Dereito dos robots”, sinalou entre os principais problemas xurídicos derivados da intelixencia artificial “a opacidade dos algoritmos e os sesgos que poden derivar de prexuízos e provocar discriminación”, así como factores relacionados coa seguridade e a privacidade. Na súa opinión, sendo necesarias as recomendacións éticas “non son suficientes, porque poden chegar a ser papel mollado se non hai mecanismos xurídicos para o cumprimento dos compromisos éticos”.
Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional, alertou durante o seu relatorio de que “o 35% das probas que chegan aos xulgados proceden de cidadáns particulares; exparellas despechadas, vengadores xusticeiros”. Probas que moitas veces, engadiu, “son conseguidas subrepticiamente, son polo tanto probas tramposas”. Segundo explicou na súa intervención, “as probas deben ser obtidas con ética, non se poden admitir probas conseguidas vulnerando os dereitos fundamentais”, poñendo como exemplo probas de ADN ou imaxes gravadas e publicadas sen consentimento.
O programa da xornada completouse cunha mesa redonda sobre “As vantaxes e os perigos das novas ferramentas tecnolóxicas para a defensa dos nosos dereitos”, moderada por Víctor Salgado, director técnico de Iuristicgal19.