A popularización das novas tecnoloxías leva inherente enormes riscos para a seguridade tanto persoal como das organizacións empresariais, segundo se puxo de manifesto esta mañá no trascurso da rolda de prensa de presentación da Xornada de Informática Pericial que ten lugar hoxe na Escola Superior de Enxeñaría Informática de Ourense, ESEI, organizada polo CPETIG. No acto informativo participaron a directora da ESEI, Ana Garriga; o secretario do CPETIG, Juan Luis Miguéns; e os dous relatores da xornada, José Luis Rivas, director de LIFe, Laboratorio de Informática Forense Europeo, e Víctor Salgado, avogado-socio do bufete Pintos&Salgado. Os expertos coincidiron en destacar que o complexo e cambiante escenario tecnolóxico pon de relevo a importante labor dos peritos informáticos, tanto en ámbitos laborais, como civís, ao obxecto de intervir en casos de ciberdelitos, cada vez máis frecuentes, como despidos laborais producidos a raíz de informacións publicadas en Facebook. Neste contexto de crecente demanda da peritaxe informática, o CPETIG conta cun Corpo Oficial de Peritos, COP, integrado por 21 profesionais, a disposición para asistencia en casos penais, en virtude do convenio asinado coa Dirección Xeral de Xustiza. “A privacidade está máis amenazada que nunca”, en palabras de Victor Salgado na rolda de prensa, a teor da progresiva relevancia dos delitos informáticos que suben un 40% cada ano, aínda que soamente se denuncia unha reducida porcentaxe de casos, sobre o 10%. Detrás deste silencio está, ás veces, o temor das empresas vítimas a ver perxudicada a súa reputación corporativa ou a perder a confianza do mercado. A pesares da complexidade que representa o control dos ciberdelitos, en opinión de Salgado as forzas e corpos de Seguridade do Estado, tanto a Policía como a Garda Civil, están moi preparadas para perseguir a ciberdelincuencia, se ben contan “cunha escasa dotación de medios”. A rápida evolución desta tipoloxía de delitos require tamén respostas rápidas, segundo explicaron os expertos. Na súa intervención, José Luis Rivas destacou a necesidade de asegurar a cadena de custodia e os dereitos individuais para evitar esta clase de ataques, entre os que sinalou como un dos máis habituais a suplantación de identidade. A Xornada de Informática Pericial, que ten lugar hoxe de 16 a 20 horas na ESEI, mistura unha sólida parte teórica coa parte de exposición de casos prácticos. Victor Salgado centrará o seu relatorio na normativa procesal pericial e na normativa substantiva da pericia tecnolóxica, con referencia ao dereito informático, á propiedade intelectual e aos delitos tecnolóxicos, como a defraudación electrónica. Na segunda parte da xornada, José Luis Rivas abordará inicialmente a orixe da análise forense e rematará o seu relatorio coa exposición de tres casos prácticos, centrados nun ataque a un servidor dunha universidade, nunha posible fuga de información nunha empresa por parte dun traballador e nun call center con software problemático.