O CPETIG e a Amtega organizan o “VI Scratch Day”, que achegará aos escolares galegos á linguaxe de programación a través de Scapes Rooms e do Camiño de Santiago

O programa ScratchDay dirixido a escolares galegos organízase no marco do Convenio de Colaboración entre o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) da Xunta de Galicia e regresa coa súa sexta edición.

Esta actuación tamén forman parte do Plan de Talento Dixital de Galicia, Plan DigiTalent, impulsado pola Amtega para fomentar as vocacións tecnolóxicas entre o alumnado máis novo.

Este ano, a iniciativa para achegar a programación informática a idades temperás sen necesidade de ter coñecementos previos na materia, aposta polo entorno dos Scapes Rooms e do Camiño de Santiago, en pleno período extraordinario do Xacobeo 2021-2022.

A Cidade da Cultura de Galicia (Edificio do Museo, Andar 1) será o escenario que acolla esta intensa a atractiva xornada, que está deseñada para tres grandes públicos obxectivos: Os alumnos e alumnas de 6 a 16 anos dos centros escolares de Galicia, os seus pais e nais e tamén o profesorado ou os responsables dos centros que estean interesados en introducir o Scratch na docencia. Os dous primeiros grupos traballarán en conxunto, dado que un dos obxectivos desta iniciativa é precisamente o de implicar ao núcleo familiar no descubrimento e o traballo colaborativo nun entorno amigable e que non precisa de coñecemento profundo de linguaxe de programación. O obradoiro para o profesorado desenvolverase en paralelo na mesma data e lugar e será específico para presentar as vantaxes e potencialidades que implica o traballo con este tipo de tecnoloxía entre os máis pequenos.

A cita será o vindeiro sábado 9 de outubro, de 9:00 a 14:00 horas e estará estruturada en tres Scapes Rooms distintos, cada un deles relacionado con distintos tramos e atractivos do Camiño de Santiago. Os participantes terán como obxectivo ir resolvendo os retos plantexados e empregando as pistas proporcionadas para completar as etapas.

Un ano máis, a empresa especializada en robótica educativa, Rockbotic Galicia, será a encargada de impartir esta xornada do CPETIG, que xa conta cunha dilatada traxectoria na que participaron centos de escolares de distintos centros de Galicia de diferentes idades.

Inscricións

 

O período de inscrición para o VI ScratchDay xa está habilitado e para formalizar a participación no evento é preciso rexistrase a través da seguinte ligazón.