· A actividade chega ao final do seu desenvolvemento cun total de case 30 talleres executados durante o mes de xullo, agosto e o que vai de setembro
· Está liderada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia dentro do convenio firmado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia
Guitiriz, 4 de setembro de 2024.- Juan Luís Miguéns, Secretario do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, asistiu hoxe en Guitiriz a un dos obradoiros Girl Steam que se están a desenvolver este verán e que rematan a mediados de setembro. A visita contou coa asistencia do Conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, do director de Amtega, Julián Cerviño e da alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, entre outros asistentes.
Guitiriz foi sede hoxe da celebración dos obradoiros Girl Steam 2024, que continúan ata mediados do mes de setembro en distintas localidades de Galicia. Uns 200 nenos e nenas veñen de participar nestes obradoiros dende que comezou a actividade a principios do mes de xullo.
O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia chegan ao final do desenvolvemento deste novo ciclo de obradoiros de verán para incentivar as vocacións tecnolóxicas entre as nenas e nenos.
Ata a actualidade están executados entre o mes de xullo, agosto e setembro case 30 talleres, a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas CeMIT dos concellos de Galicia.
Este novo ciclo de obradoiros deu comezo a principios do mes de xullo na aula CeMIT de Moaña. Cada concello conta con dúas quendas por idade de 4 horas de duración, unha para escolares de 8-11 anos e outra para idades comprendidas entre os 12-15 anos, cun aforo máximo de 15 persoas por quenda.
Contidos dos obradoiros
Nos obradoiros achégase ao alumnado ao funcionamento das placas micro bit, que son tarxetas programables de aprendizaxe. Aprenden a identificar as súas principais funcións e programan con diferentes comandos. Traballan en grupo na construción e programación dun proxecto dos 20 modelos que ofrece o kit de robótica e construción co que contan as aulas CeMIT. Unha vez superada esta primeira fase, continúase o traballo coa placa para a elaboración dun proxecto libre sobre estruturas realizadas con materiais reciclables, como botellas, cartóns, madeira ou tecidos.
Empoderar ás rapazas nos eidos STEAM
Con esta iniciativa búscase impulsar actividades lúdico-formativas de inmersión tecnolóxica que acheguen ás rapazas desde idades temperás ás novas tendencias tecnolóxicas co fin de espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos STEAM e apostar por profesións do ámbito TIC.