O Scratch Day do CPETIG consolídase como un referente na divulgación da programación informática en familia

A oitava edición desta actividade de fomento das vocacións científico-tecnolóxicas desenvólvese no marco de colaboración entre o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia – Amtega

As familias participantes puideron achegarse á linguaxe scratch a través das distintas actividades baseadas en linguaxe de programación con Microbit, ao igual que os profesores que asistiron á sesión específica para trasladar esta tecnoloxía ás aulas

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG) pecha con éxito a oitava edición do Scratch Day, unha das actividades máis destacadas no calendario da institución e que se desenvolve dentro do marco de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para o fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade galega.

O Scratch Day do CPETIG consolídase xa como un destacado referente na divulgación da programación informática en familia en Galicia. A diversidade das actividades desenvolvidas, o ambiente colaborativo, a innovación aplicada e os contidos adaptados á mocidade de entre 6 e 16 anos fan desta cita un evento destacado na nosa comunidade.

O edificio CINC da Cidade da Cultura deu cabida aos 23 participantes que este ano protagonizaron as actividades lúdico-formativas en familia a través da linguaxe de programación con Microbit. A temática desta edición foi a da gamificación e o entorno dos videoxogos, dando unha especial relevancia á música e a como interactuar con ela.

Os máis pequenos puideron experimentar esta primeira toma de contacto co Scratch para mover e lanzar obxectos e así poder programar videoxogos básicos. Os instrutores traballaron tamén as interaccións da cámara e do son ata poder empregar a radio e o control remoto entre dispositivos, conformando unha pequena orquestra.

Houbo tamén programación dun videoxogo cun vehículo para percorrer unha distancia estimada e traballo con LEDs. O desenvolvemento das actividades estivo enlazado de maneira que unhas probas daban o acceso ás seguintes.

Todos os participantes no Sratch Day familiar do CPETIG levaron candaseu diploma acreditativo. Realizouse ademais un sorteo de 5 trofeos conmemorativos do Scratch e de material con tarxetas de Microbit entre os asistentes, xa que o obradoiro non ten espírito competitivo.

Pola súa banda, e como actividade complementaria, abordouse unha xornada intensiva con profesorado, orientada a entender a potencialidade de aplicar a linguaxe Scratch no entorno das aulas dos centros de ensino de Galicia e para reforzar a aposta de que os nenos e nenas se acheguen ás especialidades STEM (polas súas siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), ás que se suman as Artes, desde idades temperás.

Neste segundo grupo, a intención era diferente, xa que se combinou unha parte práctica de traballo específico con Microbit, coa creación de unidades didácticas para contido curricular.

O CPETIG valora esta oitava edición do seu Scratch Day como “altamente positiva”, tanto polos contidos desenvolvidos como polo ambiente que se volveu rexistrar nunha das actividades destacadas da actividade colexial anual. O Colexio agradece a todos os participantes, formadores e á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) a súa colaboración para seguir fomentando estas actividades entre a mocidade.