O CPETIG solicita formar parte do Consello Asesor de Intelixencia Artificial

·         Presenta unha alegación formal ao texto tras a recente publicación do Anteproxecto de Lei onde se crea o Consello Asesor de Intelixencia Artificial

·         O Consello Asesor de Intelixencia Artificial nomea unha serie de vogais entre os que non está o CPETIG

·         O CPETIG amosa a súa sorpresa por esta exclusión e pide que se enmende esta situación para que a representación da Enxeñería Técnica Informática non se vexa mermada

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2024.- O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) ven de participar no proceso de consultas do texto do Anteproxecto de Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia, solicitando formalmente a súa modificación para incluír un vogal do Colexio no Consello Galego de Intelixencia Artificial, asegurando así unha representación xusta e equitativa de todos os profesionais do sector en Galicia.

A Xunta de Galicia ven de publicar o Anteproxecto de Lei de IA, onde se crea o Consello Asesor de Intelixencia Artificial, e se nomea unha serie de Vogais entre os que non está o CPETIG.

Dende o Colexio sosteñen que a Enxeñería Técnica Informática é unha das profesións ligadas á IA, e que a Estratexia Nacional de IA xa contempla as enxeñerías técnicas polo que “o feito de excluírnos impediría que désemos a nosa visión nos asuntos que se tratasen”, indica o Presidente.

De vital importancia

O CPETIG considera de vital importancia o avance das cuestión lexislativas referentes á Intelixencia Artificial, polo que sostén que aínda estamos a tempo de  emendar esta situación porque é  imprescindible dispor dun marco normativo que permita a aplicación destas tecnoloxías de xeito ético, seguro e consciente que conte cos asesores axeitados para poder desenvolverse.

Alegación

A alegación foi presentada onte, día 30 de xullo e nela o CPETIG amosa a súa desconformidade con algún dos aspectos deste Anteproxecto. Lembra que concretamente, no artigo 30 do actual texto, defínense os termos baixo os que se crea o Consello Galego de Intelixencia Artificial. No apartado 3 do citado artigo establécese a súa composición e se crean unha serie de vogalías, entre as que non se atopa o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia.

Entre as razóns e fundamentos que expoñen para a súa presenza neste órgano lembran que está a representatividade profesional porque o CPETIG creouse mediante Lei 8/2006 e ostenta a representación da Enxeñaría Técnica en Informática. Na actualidade o Colexio inclúe entre os seus membros ós titulados nos graos vinculados coa profesión coma o Grao de Enxeñaría Informática polo que “a exclusión dese colexio profesional na composición do Consello non sómente impide a representación destes profesionais que claramente son os máis cércanos ás tecnoloxías de IA, senón que tamén pode resultar nunha visión incompleta e menos diversa dos asuntos relacionados coa Intelixencia Artificial en Galicia”.

Asemade, na alegación tamén se indica que reúnen as Competencias Complementarias porque os profesionais na rama da Enxeñaría Técnica en Informática posúen competencias e perspectivas complementarias ás dos e das enxeñeiros/as en informática polo que a inclusión dun vogal do CPETIG aseguraría unha representación máis equitativa e unha toma de decisións máis inclusiva, beneficiando así ao desenvolvemento da Intelixencia Artificial en Galicia.

Remata a alegación sostendo que hai un precedente de Inclusión xa que na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA) a nivel estatal, faise constar entre outros, como motivo para a creación, “Para dar unha resposta axeitada aos múltiples impactos que se agardan destes cambios tecnolóxicos acelerados, requírese unha aproximación interdisciplinar centrada nas persoas e no medio ambiente, que incorpore as distintas perspectivas da Enxeñaría en Informática, as enxeñarías técnicas….. “ polo que estaría xustificada a presenza do CPETIG.