O CPETIG remitíu onte unha carta ao director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación na que solicita que se admitan os títulos de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión como equivalentes ao Grao en Enxeñaría Informática, respectando así o establecido sobre correspondencia das titulacións universitarias no marco do Espazo Europeo de Educación Superior.
Esta solicitude ten a súa orixe na Resolución do 19 de novembro de 2019 da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas para a elaboración das listas de interinidades e substitucións para impartir docencia no corpo de profesores de diversas especialidades, entre outras, Medios Informáticos, na que aparecen como excluídas persoas coa titulación de Enxeñaría Técnica Informática, por causa de “titulación inadecuada”.
Tendo en conta que na convocatoria se especificaba como titulación de acceso á lista para Medios Informáticos o Grao en Informática ou título declarado equivalente, o CPETIG sustenta a súa solicitude na Resolución da Secretaría Xeral de Universidades do 8 de xuño de 2009, que establece o Grao de Enxeñaría en Informática como o título universitario oficial vinculado co exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico en Informática.
Asemade, segundo as correspondencias de titulacións publicadas no BOE do 11 de maio de 2015, os títulos de Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión ou en Informática de Sistemas teñen correspondencia co título de nivel de Grao.
Como precedente, hai unha recente sentencia de maio de 2018, do xulgado do Contencioso-Administrativo nº 5 de Oviedo, segundo a cal a Consellería de Educación do Principado de Asturias debe incluír as titulacións de Máster e Grao en Enxeñaría Informática, Enxeñeiro, Licenciado, Enxeñeiro Técnico e Diplomado en Informática, entre outras, na especialidade Medios informáticos.
En base a todo isto, o CPETIG solicita á Consellería de Educación que proceda a admitir os títulos de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas e Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión como equivalentes ao Grao en Enxeñaría Informática.