O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) arranca o outono cunha serie de actividades de formación, divulgación e sensibilización dirixidas a profesionais, á comunidade educativa e á sociedade en xeral. Para o desenvolvemento deste completo programa de actuacións conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) no marco das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030.
Unhas xornadas técnicas sobre a salvagarda da información, dirixida a axentes da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) da Xunta de Galicia, é a primeira das actividades deste completo programa. Comezaron esta semana en streaming desde o GaiásTech e continuarán mañá, 14 de setembro, con poñentes expertos como Paco Marcilla.
No marco da programación deseñada polo CPETIG e dirixida a profesionais desenvolverase ademais unha nova edición dos Seminarios sobre Informática Xudicial, Ciberseguridade e Protección de Datos – Iuristicgal, co obxectivo de informar aos profesionais do dereito sobre os aspectos máis relevantes da administración electrónica xudicial; así como un curso de análise forense aberto, unha formación aberto ao público xeral na que se contará con poñentes recoñecidos na materia.
Divulgación e sensibilización
O CPETIG impulsa unha nova edición do Scratch Day, unha iniciativa que ten por obxectivo ensinar nocións de programación informática a escolares de entre 7 e 15 anos e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre os mozos e mozas. Esta actividade, cun enfoque totalmente práctico e celebrada con gran éxito de participación en anos anteriores, compleméntase cun obradoiro dirixido ao profesorado.
O Scratch Day pretende divulgar os valores da programación informática desde idades temperás, de xeito que os escolares acceden a esta contorna técnica de forma lúdica e divertida, tendo en conta como valor engadido que a través da programación se incentivan a creatividade e o emprendemento e se melloran a motivación, a autonomía e a capacidade de resolución de problemas.
No marco da programación do CPETIG presentarase tamén un documental sobre a presenza das mulleres no eido das enxeñarías informáticas que ten por obxectivo poñer en valor e incentivar a súa participación no sector.
O documental está centrado na necesidade que teñen as carreiras tecnolóxicas e en especial a informática da presenza feminina como aporte de valor, dándolle visibilidade ás mulleres que foron esenciais no desenvolvemento desta disciplina e a tantas outras que hoxe en día traballan no sector, buscando desde as súas experiencias rachar con ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, desde idades moi temperás, da opción de escoller estudos vinculados á informática.
O CPETIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia é unha corporación de dereito público que ten como función esencial o fomento e a promoción da profesión para que se recoñeza o seu relevante papel no desenvolvemento da Sociedade da Información.
Ademais, vela polo cumprimento das normas deontolóxicas e defende os intereses da profesión para que a súa contribución ao progreso e ao benestar sexa valorada polo conxunto da sociedade. Así, entre os seus fins e funcións, atópanse a regulación do exercicio, a promoción e mellora das actividades profesionais que engloban as enxeñarías técnicas en informática, e o fomento e promoción de actuacións relacionadas con este sector profesional entre as que se atopan a implantación da sociedade da información e das tecnoloxías da información en todos os ámbitos da actividade económica e social da Comunidade Autónoma de Galicia.
A Rede CeMIT
A Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT) é unha iniciativa posta en marcha pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) da Xunta da Galicia, que actualmente forma parte da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Desde 2016, a Rede CeMIT tamén forma parte do Plan de Inclusión Dixital de Galicia coma un dos proxectos clave que asentaron as bases para definir a nova estratexia de inclusión dixital da comunidade e que ten como obxectivo situar a Galicia como unha rexión intelixente de referencia en Europa, onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúa a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medio ambiental.
O GaiásTech
O GaiásTech é unha iniciativa da Xunta de Galicia para lograr a transformación dixital do tecido produtivo e xerar produtos, solucións e servizos cunha pegada tecnolóxica, que proporcionen maior valor, innovación e competitividade nun ámbito global.
O GaiásTech constitúe un espazo de innovación aberto para quen teña a capacidade de transformar a nosa comunidade. Dende o centro coordínase unha rede de nodos de especialización tecnolóxica.
As actividades desenvolvidas polo CPETIG enmárcanse no Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, unha estrutura de cooperación que implica ao conxunto de Administracións Públicas do territorio galego nesta materia, en coordinación coas organizacións de referencia a nivel nacional, INCIBE e CCN, para o desenvolvemento de actividades que permitan concienciar e capacitar á cidadanía, ás empresas e ás administracións públicas de Galicia en relación á ciberseguridade co obxectivo de garantir unha contorna dixital segura e afrontar de maneira colaborativa os retos neste eido.