Para iso, o CPETIG implantará en Galicia o sistema CEPRAL para que os profesionais da informática poidan dispor dunha certificación colexial de recoñecemento obxectivo da súa experiencia profesional demostrable, froito da súa actividade laboral e formación académica. Desde xeito, cun único documento poderán acreditar ante terceiros a súa experiencia profesional de maneira fidedigna.
Con esta iniciativa, desenvolvida xa polo COETIC (Col•legi d’Enginyeries Tècniques en Informàtica de Catalunya), o CPETIG tenta de dar resposta á situación curricular de moitos profesionais da informática que non poden acreditar de xeito fidedigno a súa experiencia profesional nas empresas e universidades, o que lastra as súas capacidades e, sobre todo, pecha oportunidades de desenvolvemento profesional.
O CPETIG, que ten entre as súas funcións fundamentais o deber de velar pola ética e a dignidade profesional, busca con esta iniciativa contribuír á ordenación do exercicio das profesións do seu ámbito e facilitar o acceso dos traballadores do sector da informática a melloras profesionais e beneficios académicos.
Sistema de medición obxectivo
O CPETIG implantará un sistema de medición obxectivo dirixido aos profesionais da informática formados academicamente que exerceron neste sector, pero tamén está aberto a todos os profesionais da informática que non dispoñen da titulación académica.
Neste sentido, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática segue a defender que o exercicio profesional sen a titulación debida non é a vía recomendable pero, ao mesmo tempo, recoñece que existe unha realidade na que moitos profesionais desenvolveron a súa actividade no sector e adquiriron uns coñecementos e aptitudes con moito esforzo, que lles permitiron exercer as súas funcións profesionais.
As persoas interesadas deben remitir toda a documentación solicitada que evidencie a súa experiencia e os coñecementos profesionais, a partir da cal se valoran tres factores para determinar o nivel de experiencia profesional adquirida (EPA) no perfil, que será un valor enteiro entre 1 e 10 para as valoracións positivas.
Este sistema considera como formación previa exclusivamente aquela de carácter universitaria, sexa ou non regulada ou que sexan susceptibles de obter recoñecementos académicos por parte das universidades. Establécense 10 niveis e só se pode superar o nivel 5 con titulación universitaria.
Non se avalían a competencia profesional, os coñecementos ou a calidade profesional, senón a dedicación profesional ás actividades propias dun perfil.
Factores de valoración
Neste sentido, o servizo CEPRAL conta con tres factores para medir a experiencia profesional acumulada. Por un lado realízase unha Valoración da Adecuación Competencial (VAC) ao perfil solicitado, baseada na evidencian da cobertura de actividades profesionais establecidas para o perfil. Para iso, téñense en conta as acreditacións de terceiros, as formacións profesionalizadoras (opcional), descricións das actividades realizadas e os criterios internos da valoración do perfil.
En segundo lugar, tamén se realiza unha Valoración do Tempo de Dedicación (VTD) na que se cuantifican os anos de contrato laboral ou encargos profesionais propios do perfil e, nos casos de que conte cun multiperfil, establecerase a porcentaxe correspondente para obter os anos equivalentes a cada perfil.
Finalmente tamén se fará unha Valoración dos Estudos Previos (VEP), baseada na acreditación de estudos de ciclo superior finalizados antes ou durante a actividade profesional do perfil solicitado. O Nivel de Experiencia Profesional Acumulada (NEPA) obtense da ponderación dos tres factores anteriores.
Para obter ao CEPRAL, as persoas interesadas deberán solicitalo a través da web do Servizo.