O CPETIG participa nas primeiras reunións de traballo da RIS3 Galicia

O concepto de especialización intelixente refírese a necesidade de concentrar dun xeito eficiente os recursos dispoñibles para a xeración e explotación de coñecemento, ao servizo dun número concreto de prioridades ligadas ás fortalezas e vantaxes competitivas da rexión, para provocar unha orientación do tecido produtivo cara a unha senda de desenvolvemento económico baseada na innovación e no coñecemento.

A especialización intelixente enténdese non tanto como o impulso a unha especialización pura que explote as economías de localización, senón como unha “especialización diversificada”. Para a Comisión Europea, as rexións deben perseguir unha carteira diversificada de actividades relacionadas, encontrando un equilibrio entre especializarse o suficiente para ser competitivas, pero non tanto como para dificultar a diversificación e expoñer a rexión aos riscos de cambios nas condicións dos mercados ou en outros feitos externos e impredicibles. As S3 deberían estar integradas polo conxunto de actuacións emprendidas para avanzar cara esa diversificación especializada.