O CPETIG participa na xornada de traballo de seguimento do PEGSI

 

anxo quintana e fernando blanco presentan o informe do pegsi 2007A presentación deste informe realizouse no marco dunha xornada de traballo organizada pola Consellería de Innovación e Industria, xornada na que participou o Colexio a través do seu vicepresidente e a súa tesoureira. Nesta xornada de traballo presentaronse tamén os datos das enquisas realizadas polo Observatorio Galego da sociedade da Información referidos o mesmo ano.

O Plano Estratéxico Galego da Sociedade da Información define as políticas e as liñas de actuación necesarias para que Galicia se introduza plenamente na sociedade da información. Esta iniciativa busca fomentar o desenvolvemento dunha economía do coñecemento até acadar a converxencia de Galicia cos obxectivos fixados pola Unión Europea na Estratexia de Lisboa. Segundo o informe presentado polo Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, no ano 2007 ao abeiro do PEGSI desenvolvéronse 279 accións na Xunta de Galicia cun orzamento de máis de 156 millóns de euros, superando nun 13,7% o inicialmente previsto para ese período. Algúns dos datos máis positivos, segundo este informe, foron o crecemento do emprego no sector TIC nun 35% nos últimos dous anos e tamén o incremento dp 27,5% do número de empresas do sector nos últimos tres ano, chegando até 1.500 firmas TIC no país. Así os servizos da Sociedade da Información en Galiza xa supoñen o 11,5% do volume de negocios do sector servizos, cunha achega total de máis de 1.500 millóns de euros. Entre os principais logros citou a posta en marcha do Observatorio Galego da Sociedade da Información, a plataforma tecnolóxica Vindeira ou a instalación do superordenador FinisTerrae no Cesga. O vicepresidente tamén afirmou que a Sociedade da Información en Galiza serve para achegar máis igualdade e máis benestar para a cidadanía. Pola súa banda, Fernando Blanco repasou actuacións concretas dentro das oito estratexias operativas do PEGSI. Salientou, entre outras, a constitución do Clúster TIC, a dixitalización das historias clínicas do Servizo Galego de Saúde ou o feito de pasar de 10,5 a 7,1 alumnos por ordenador no ensino primario. Podes consultar o informe completo de seguimento do PEGSI nesta ligazón , o resumo ós medios ofrecido pola consellería ou escoitar as intervencións de Anxo Quintana e Fernando Blanco en Código Cero Podes consultar así mesmo os estudos sobre a sociedade de información entre a poboación e empresas na web do Observatorio Galego da Sociedade da Información.