O CPETIG ofrece un obradoiro intensivo sobre a implantación do Esquema Nacional de Seguridade da información

O curso teórico-práctico desenvolverase en 4 sesións (venres polas tardes e sábados polas mañás) os días 2, 3, 9 e 10 de xuño en modalidade online
A formación promovida polo Colexio desenvolverase dentro do seu convenio coa Amtega e será aberta ao público interesado en ampliar coñecementos na materia, e especificamente orientada a responsables de protección de datos, de seguridade e administradores de sistemas

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) organiza a comezos do próximo mes de xuño unha formación de alto interese sobre a implantación do Esquema Nacional de Seguridade (ENS) da información.

Este contido formativo é unha das accións destacadas do ente colexial dentro do convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Trátase dun obradoiro intensivo de 12 horas de duración a desenvolver en modalidade online cunha extensión de 4 sesións a celebrar durante dúas fins de semana consecutivas: venres 2 (de 17 a 20 horas), sábado 3 (de 10 a 13 horas), venres 9 (de 17 a 20 horas) e sábado 10 de xuño (de 10:00 a 13:00 horas). Está aberto á participación de calquera persoa ou representante do sector público ou privado, e especialmente enfocado a perfís de delegados de protección de datos, responsables de seguridade e administradores de sistemas, independentemente do grao de coñecemento previo sobre a materia a tratar.

Os principais obxectivos de formación aos que se dará resposta con estes contidos serán coñecer os sistemas de xestión da seguridade da información e os marcos normativos, a análise de riscos derivados da implantación dun sistema de xestión da seguridade, a categorización dos sistemas e a selección de medidas de seguridade idóneas ou a elaboración de procedementos, normativas e protocolos.

Esta formación será impartida por un equipo multidisciplinar de docentes que proveñen de especialidades do campo xurídico e tecnolóxico: Lucía Arias (Management, Governance- IT Advisor en Govertis Advisory Services, S.L.), David Barrientos Arboleya (DPD Certificado. Security & GRC Advisor en GOVERTIS Advisory Services S.L.) e Amparo Romero (Consultora GRC en Govertis – Telefónica Tech).

O programa formativo estrutúrase en 3 grandes bloques: Introdución e conceptos xerais do Esquema Nacional de Seguridade; Plan de implantación do ENS e revisión do SGSI e mellora continua. En todos os módulos haberá casos prácticos para complementar e afondar nos conceptos traballados.

 

Prezo, descontos e rexistro

 O importe do curso formativo para o público en xeral é de 400 euros. Os colexiados do CPETIG beneficiaranse dun desconto para membros do 90%, a través dun código que proporcionará o propio colexio. Do mesmo xeito, existen bonificacións para os precolexiados e para os colexiados de Enxeñaría Técnica e Enxeñaria en Informática (deberán de consultar as condicións nos seus respectivos colexios).

O CPETIG ten habilitada xa unha vía de rexistro no curso, a través da seguinte ligazón:

https://cpetig-tallerens.eventbrite.es