O CPETIG, novo socio colaborador do IA Contest Song

O próximo 4 de novembro, a Cidade das TIC da Coruña, acollerá a edición 2023 do IA Contest Song, un festival internacional onde as cocreatividades no proceso de composición musical entre humanos e Intelixencia Artificial máis destacadas serán as gañadoras deste certamen, que naceu en 2020 e que xa é un referente neste campo.

AI Song Contest é un concurso musical aberto á experimentación, á combinación de distintas ferramentas (de código aberto e propio) novas técnicas e uso de datos de maneira creativa durante o proceso de composición.

Entre o público asistente e un xurado de profesionais da industria musical e da IA valorarase a calidade das obras presentadas e a innovación na interacción entre humanos e IA.

Os equipos poden estar conformados por músicos, investigadores, produtores musicais, científicos de datos, desenvolvedores ou calquer outro perfil que axude a crear novos contidos a través da Intelixencia Artificial.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia – CPETIG, no seu labor de apoio e dinamización deste sector e dos seus profesionais, convértese neste 2023 en socio colaborador desta iniciativa internacional.