Esta actuación, xa asentada na comunidade, é a primeira vez que será liderada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia dentro do convenio asinado coa Amtega, que permitirá realizalo a través da rede de Aulas CeMIT
Está dirixido a nenas e nenos de entre 8 e 15, divididos en dous grupos de idade con contidos adaptados a cada franxa e desenvolverase entre o 4 de xullo (San Sadurniño) e o 8 de setembro (Santiago de Compostela – Aula GaiásTech da Cidade da Cultura)
A formación promovida combinará pezas audiovisuais en formato stop motion a partir de luces LED e a creación de tecidos intelixentes para que unha prenda téxtil reaccione ante variacións ambientais
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2023.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), dentro do convenio de colaboración que mantén coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dá inicio ao programa Girl STEAM, unha actividade plenamente consolidada en Galicia para espertar as vocacións científico-tecnolóxicas entre a rapazada de entre 8 e 15 anos.
Por vez primeira é o CPETIG o órgano que desenvolve xunto á Amtega obradoiros prácticos de experimentación tecnolóxica, que serán impartidos a través da rede de Aulas CeMIT de Galicia. Un total de 15 concellos protagonizarán durante este verán os talleres en dous grupos de idade: de 8 a 11 anos e de 12 a 15, con contidos adaptados a cada franxa de idade.
A primeira parada deste itinerario será o 4 de xullo en San Sadurniño e a clausura organizarase no GaiásTech da Amtega, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela o próximo 8 de setembro. Participan tamén durante os meses de xullo e agosto os seguintes concellos: Leiro, Betanzos, Ribeira, Ortigueira, A Estrada, Oroso, Celanova, Cuntis, Guitiriz, Valga, Barreiros, Ribadeo e Vigo.
A formación está encamiñada a impulsar actividades de mentorado en idades temperás, especialmente dirixidas ás nenas, para espertar o seu interese e reforzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos “STEAM”. O traballo realizarase a través de obradoiros formativos prácticos onde poder experimentar coa tecnoloxía, incorporando as Artes ao tradicional itinerario STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas).
Contidos adaptados para proxectos específicos
Co obxectivo de ofrecer contidos plenamente adaptados aos distintos grupos de idade participantes no Girl STEAM 2023, a organización do evento deseña para a primeira franxa de idade (8-11 anos) unha actividade por equipos a partir dun circuíto de luces LED para que se constrúa unha historia, fotograma a fotograma, e a partires de aí presentar unha peza audiovisual en formato stop motion.
Para o grupo de 12 a 15 anos, o traballo estará enfocado á creación de tecidos intelixentes. Haberá programación de sensores cun arduino (open source) para construír, por grupos, un proxecto sobre unha prenda téxtil que reacciones aos cambios ambientais, de distancia, luz, inclinación, etc.