O CPETIG impartirá oito cursos nas aulas da Rede CeMIT para mellorar a relación cidadá cos procesos dixitais ante a Administración

Cursos Rede CeMIT

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), levará a cabo durante oito xornadas, unha serie de cursos de formación á cidadanía sobre os servizos dixitais na Administración, a través dos Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (Rede CeMIT).

Os cursos, que se realizarán nos meses de setembro e outubro, desenvolveranse de forma presencial na rede de aulas CeMIT da Xunta de Galicia e tamén serán retransmitidos en directo por videoconferencia para poder seguilos desde calquera punto; unha iniciativa que está encadrada dentro do marco das accións definidas na Estratexia Galicia Dixital 2030.

 

Destinatarios

Sendo uns dos obxectivos desta iniciativa mellorar as competencias dixitais da cidadanía para facilitar a súa comunicación e interacción coa administración, as actividades ofertadas estarán destinadas a todos aqueles cidadáns, maiores de 16, que necesiten ter ferramentas para favorecer a súa inclusión dixital co fin de que as tecnoloxías contribúan a aumentar a súa calidade de vida.

 

Contidos

O programa de formación organizado no marco do Convenio de Colaboración asinado entre a Amtega e o CPETIG abordará ao longo das oito sesións formativas presenciais ­—cada unha de dúas horas de duración— diversas temáticas orientadas a que os cidadáns coñezas os principais servizos dixitais que se poden facer na Administración.

As actividades, que se celebrarán os martes e xoves nun horario de 18.00h a 20.00h, desde o 13 de setembro, serán impartidas por colexiados e colexiadas do CPETIG con ampla experiencia na administración electrónica. As mesmas desenvolveranse presencialmente en oito puntos diferentes da comunidade, e retransmitidas en directo coa finalidade de que cidadáns de todas as provincias poidan obter aquelas competencias dixitais que lle faciliten e melloren a súa relación coa Administración.

As sesións complementaranse con material de apoio adicional (guías, exercicios, cuestionarios, lecturas e consultas recomendadas…) que estará dispoñible na Plataforma de Teleformación da Rede CeMIT – EMA asignada ao alumnado.

 

Rexistro

As prazas asignaranse por orde de inscrición, sendo necesario facer un rexistro previo na páxina da Rede CeMIT.