O CPETIG formará a profesionais da Administración de xustiza en e-Administración e expediente electrónico

O CPETIG organiza estes seminarios, de oito horas de duración, en colaboración coa Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a participación na dirección técnica do bufete Pintos&Salgado, co obxectivo de informar a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais e funcionarios dos corpos ao servizo da administración de xustiza sobre os aspectos máis relevantes da administración electrónica xudicial, así como dos beneficios de incorporar o uso das novas tecnoloxías a todos os procesos xudiciais.

Así mesmo, tamén pretenden incrementar a seguridade, efectividade e eficiencia da administración xudicial co uso das novas ferramentas electrónicas avanzadas e con pleno respecto ao dereito á privacidade dos cidadáns.

A Lei Orgánica de Protección de Datos a análise

Deste modo, o primeiro relatorio, impartido polo Bufete Pintos e Salgado, abordará a obrigación que establece a LOPD (Lei Orgánica de Protección de Datos) respecto aos ficheiros da Administración de xustiza e as medidas de seguridade esixibles para o tratamento dos ficheiros con datos persoais.

Así, analizaranse aspectos como as obrigas do responsable do ficheiro, o consentimento dos afectados, o deber de información no tratamento dos datos, os dereitos dos titulares dos datos e as infraccións e sancións que se poden derivar da súa xestión. Tamén se estudarán as medidas de seguridade para o tratamento dos datos e a súa clasificación.

Na segunda xornada, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña Francisco Javier Sanz Larruga exporá os puntos máis relevantes da Lei 18/2011, de 5 xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de xustiza. Debullará cuestións como o uso dos medios electrónicos na Administración de xustiza; os dereitos e deberes dos profesionais da xustiza nas súas relacións por medios electrónicos; a utilización obrigatoria dos medios electrónicos nos procedementos xudiciais; a sede xudicial electrónica; ou a identificación e autenticación dos usuarios.

Audiencia Nacional: un caso de éxito

Finalmente, Antonio Gudín Rodríguez-Magariños, secretario do Xulgado Central de Instrución nº 6 da Audiencia Nacional, relatará a experiencia na implantación da Administración xudicial electrónica, as ferramentas dispoñibles, o éxito obtido na Audiencia Nacional co seu desenvolvemento e as perspectivas de implantación en xulgados e tribunais.

Estes seminarios celebrarase en orde simultánea inversa en Santiago de Compostela (EGAP) e Vigo (Hotel Hesperia), de xeito que en Vigo se impartirán o día 22 os relatorios que se pronunciarán o día 23 en Santiago e viceversa.

O CPETIG, mediante o convenio de colaboración asinado coa Amtega, quere contribuír a formar aos profesionais da Administración de xustiza no uso das tecnoloxías da información, a súa complexidade técnica e xurídica, e as súas potencialidades para achegar a xustiza aos administrados.

Acceso ao programa e formulario de inscrición