O CPETIG e a Xunta de Galicia estrean Marxe de erro, un documental que pon en valor a presenza feminina nas carreiras tecnolóxicas e a necesidade de captar vocacións

O documental será distribuído aos centros educativos interesados en difundilo entre o seu alumnado, que deben solicitalo en gabinete.comunicacion@cpetig.gal

“Marxe de erro” é o título do documental realizado polo Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) co obxectivo de destacar a necesidade que teñen as carreiras tecnolóxicas, e en especial as enxeñarías en informática, da presenza feminina como aporte de valor. Na peza audiovisual estreada hoxe dáse especial visibilidade a tantas mulleres que foron esenciais no desenvolvemento da informática e a tantas outras que hoxe en día traballan no sector, buscando desde as súas experiencias romper ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, dende idades moi temperás, da opción de escoller estudos vinculados á informática.

O GaiásTech da Cidade da Cultura de Galicia foi escenario da estrea do documental, no que se amosa unha visión en primeira persoa do papel das mulleres nas enxeñarías a través de cinco profesionais relacionadas con este eido; un evento no que ademais das protagonistas contouse coa participación da directora da Amtega, Mar Pereira; da secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella; e do presidente do CPETIG, Marcos Mata.

Mata destacou que “desde o colexio hai anos que non queremos ser espectadores pasivos, hai anos que queremos mellorar a situación da escaseza de mulleres nas enxeñarías”, cunha serie de actuacións para promover a súa presenza nas carreiras técnicas entre as que se atopa a realización de Marxe de erro.

Pola súa parte, a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, manifestou que “as rapazas e rapaces necesitan referentes femininos” e puxo en valor a necesidade de “romper as barreiras do descoñecemento e de rachar cos estereotipos de que hai carreiras para homes e para mulleres. É o gran obstáculo que temos que remover. Non podemos quedarnos na pasividade”.

Engadiu ademais que “desde a Secretaría Xeral de Igualdade somos un departamento transversal e participamos na Unidade de Muller e Ciencia, na traballamos estes aspectos para remover os obstáculos que impiden que as rapazas escollan carreiras tecnolóxicas”.

A directora da Amtega, Mar Pereira, indicou que “sen dúbida as cousas cámbianas as persoas” e fixo un chamamento para que “a creatividade, o talento e o sentido pragmático da muller estea presente na transformación dixital”.

Así mesmo, puntualizou que “non é soamente estar, tamén é liderar. Queremos que as mulleres xoguen un papel relevante na transformación económica do país” e sinalou que “a estratexia da Xunta de Galicia aposta polo talento, vai ser un elemento diferencial nas rexións europeas”.

A realización do documental enmárcase no convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e o Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia para a realización de actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia.

 

As protagonistas

Susana Gómez Carnero, Susana Ladra González, Verónica Bolón Canedo, Berta Candendo Santos e Silvia Piñeiro Fernández son as protagonistas de Marxe de erro, documental no que relatan a súa perspectiva sobre as enxeñarías en informática e explican como chegaron a cursar estes estudos, como se desenvolveu a súa traxectoria no sector e amosan a súa visión e experiencias sobre a presenza das mulleres na profesión e os estereotipos que aínda permanecen vixentes.

Obxectivo: captar vocacións

Na actualidade as mulleres supoñen máis da metade do alumnado universitario. O 20 % co que empezou a década dos 60 foise incrementando ata lograr chegar ao 50 % a mediados dos oitenta, e a partir de aí, unha lixeira subida para consolidarse como a maioría académica na actualidade.

No referido ás enxeñarías en informática, a evolución é totalmente inversa. Entre os anos 1985-87 había un índice de matrículas femininas do 30 % en informática nas universidades españolas e de aí, pasouse a un escaso 12 % no curso 2016/17.

A tendencia mostrada, unida á crecente demanda de profesionais do sector, fai que a igualdade efectiva desexable non só non teña trazas de acadarse senón que cada vez a fenda é maior.

 

Divulgación

O documental será distribuído aos centros educativos interesados en difundilo entre o seu alumnado, así como a outras entidades, previa solicitude ao CPETIG a través do correo electrónico gabinete.comunicacion@cpetig.gal.