- En total 30 talleres en 19 concellos de Galicia que darán comezo o vindeiro luns, 29 de xuño en Betanzos e Pontevedra
- Os talleres están dirixidos a rapazas e rapaces de entre 9 e 16 anos e buscan dar visibilidade ao papel da muller no ámbito tecnolóxico e promover referentes femininos nas disciplinas STEAM.
- A actuación forma parte do convenio de colaboración entre a Amtega e o CPETIG.
Santiago de Compostela, xuño de 2026.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) impulsan unha nova edición da iniciativa Girl STEAM, un programa de obradoiros prácticos orientado a espertar vocacións tecnocientíficas entre a mocidade galega e contribuír a reducir a fenda de xénero nas profesións vinculadas á ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría, as artes e as matemáticas.En total 30 talleres en 19 concellos que darán comezo o vindeiro 29 de xuño en Betanzos e Pontevedra.
As actividades desenvolveranse entre os meses de xullo, agosto e setembro a través da realización de obradoiros de carácter práctico e presencial nas aulas da Rede CeMIT, e adicionalmente tamén se celebrará un obradoiro no Centro GaiásTech na Cidade da Cultura.
Aprender tecnoloxía desde a creatividade e a colaboración
Os obradoiros combinan actividades prácticas de robótica, creación audiovisual e programación creativa, fomentando valores e competencias clave para o desenvolvemento persoal e profesional da mocidade. Este ano traballarase co kit de placas Arduino e empregarase Mblock como contorna de programación.
No desenvolvemento dos obradoiros búscase trasladar mensaxes e elementos transversais como:
- A igualdade.
- Sentido crítico ante a tecnoloxía.
- Uso creativo da tecnoloxía, máis aló do mero uso e consumo.
- A colaboración e o traballo en equipo.
- A importancia das artes como ferramenta de desenvolvemento.
As persoas interesadas en asistir a esta formación poden consultar as actividades programadas a través da páxina web da Rede CeMIT, na que poderán realizar a súa inscrición.
