O acordo posibilitará a celebración da V edición da Xornada de Informática Xudicial, un punto de encontro periódico que permite reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial. Un ano máis, a Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos. Tal e como ven sucedendo nas anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir. Seminarios sobre eAdministración e Scratch Day O convenio prevé tamén a celebración de dous seminarios sobre protección de datos e e-administración para informar sobre os aspectos máis relevantes da normativa de protección de datos e da administración electrónica xudicial, así como dos beneficios da incorporación e o uso das novas tecnoloxías nos procesos xudiciais. O CPETIG organizará asemade Scratch Day, unha xornada con diferentes actividades en torno a esta ferramenta informática, que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia 34.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo.