O CPETIG E A AMTEGA ASINAN UN ACORDO DE COLABORACIÓN

O convenio contempla, ademais, accións formativas sobre seguridade informática e programación para nenos.

 

Informática xudicial. O acordo posibilitará a celebración da VI edición da Xornada de Informática Xudicial, que xa está consolidada como un punto de encontro periódico que permite reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial. Un ano máis, a Xornada porá á disposición dos profesionais do ámbito xudicial de Galicia (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais, etc.), relatorios de expertos sobre os últimos avances e ferramentas na investigación dos delitos informáticos así como á presentación de casos concretos. Tal e como ven ocorrendo nas anteriores edicións, estas Xornadas permitirán coñecer de primeira man detalles relacionados coa loita contra os delitos informáticos, no ámbito policial e xudicial, e a evolución que están a seguir.

Curso de seguridade informática. O convenio prevé tamén a organización dun curso de capacitación a profesionais do sector en metodoloxías, técnicas e ferramentas referentes na seguridade informática. O obxectivo é capacitar aos asistentes e actuar proactivamente ante os problemas emerxentes en seguridade.

O CPETIG tamén organizará obradoiros de Scratch, que perseguen introducir aos rapaces de forma lúdica e divertida no mundo da programación.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia 34.000 euros para o desenvolvemento das actuacións que se recollen no acordo