O TXSG vén de desestimar a demanda do Colexio contra o Goberno galego pola convocatoria do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, ao corpo superior da Administración Xeral, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, que prexudica aos titulados en Enxeñaría Técnica en Informática ao abrir a categoría a todo título de licenciado ou grao de calquera especialidade
A férrea defensa dos intereses do sector é un dos principios fundacionais do Colexio, que xa desde 2009 reivindica a creación específica dunha escala técnica en informática e que a titulación mínima para pertencer a ela sexa a Enxeñaría Técnica en Informática ou equivalente, situación que se ten agravado nestes anos, a medida que esta área adquire maior relevancia para o servizo público galego
O ente colexial analiza o fallo do TSXG e estuda novas medidas para seguir esixindo á Xunta que aplique os principios de mérito e capacidade, lamentando que desde o Goberno galego non se busque unha solución política que faga xustiza e defenda a un sector fundamental para a Administración e para Galicia
Santiago de Compostela, 08 de novembro de 2023.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia interpuxo o pasado ano ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia un recurso contencioso-administrativo (71/2022) contra a Resolución de 16 de decembro de 2021, da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se convocou o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo superior da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala de sistemas e tecnoloxía da información, que o tribunal vén de desestimar (sentenza 00694/2023), ante o que cabe recurso de casación.
A postura que desde o primeiro momento defende o ente colexial céntrase na petición de “declaración de nulidade, ou anulabilidade da norma xeral da convocatoria, por non ser conforme a dereito, debendo establecer como requisito de acceso estar en posesión da titulación de licenciatura ou grao en Enxeñaría Informática, ou subsidiariamente, aquelas titulacións que teñan relación directa co temario da convocatoria e funcións do posto e, en todo caso pertencentes á mesma rama de coñecemento da Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría Informática”.
O desencadeante deste proceso xudicial foi a resolución da Consellería pola que se abría o proceso a todo título de licenciatura ou grao pertencente a calquera rama, o que supón dar entrada a titulacións con plans de estudo que non contemplan as materias do temario que tería que ser de referencia, cun importante contido en informática, tendo nalgunhas delas só nocións básicas residuais a nivel de usuario, o que imposibilita que se presupoña que os titulados conten coa capacidade e habilitación adecuadas para poder desenvolver o posto ofertado e, polo tanto consideralos idóneos para elo. Sen embargo, a remisión xenérica efectúase a toda licenciatura ou grao de 5 ramas de coñecemento: Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; e Enxeñaría e Arquitectura, atopándose a Enxeñaría Técnica en Informática nesta última.
Tal e como recolle a sentenza do TSXG, o CPETIG defende que “se permite o acceso a todo licenciado e graduado, o que supón un `caixón desastre´, aínda que as capacitacións obtidas non teñan nada que ver coa rama da informática, evidenciándose como a convocatoria contravén o ordenamento xurídico, atentando de xeito frontal contra os principios de mérito e capacidade”.
Lamentablemente esta situación na que se opta por non realizar convocatorias para aqueles perfís profesionais cualificados especificamente para o posto a ocupar non é un algo illado en Galicia. Os procesos de selección de substitucións ou interinidades para postos de profesorado na área de Informática tamén presentan desigualdades manifestas. Segundo a orde do 20 de novembro de 2019 (DOG número 235, páxina 52463 de 11 de decembro de 2019) a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional daba publicidade ás titulacións que permiten a incorporación ás listas de aspirantes a desempeñar postos docentes en réxime de interinidades e substitucións dos corpos de mestres, de profesores de ensino secundario, de profesores técnicos de formación profesional e de profesores de escolas oficiais de idiomas que imparten as ensinanzas reguladas. Este texto abre a opción de impartir docencia nas áreas de Informática e na de Sistemas e Aplicacións Informáticas, a titulacións marcadamente diferentes e que non teñen os temarios nin a formación específica, e polo tanto as capacidades idóneas.
Así as cousas, unha vez coñecido a resolución do TSXG, o CPETIG acata o fallo pero continuará defendendo os intereses que considera lexítimos polas vías que teña á súa disposición, entre elas, a propia xudicial. Esta sentenza non modifica nin un ápice a situación nin supón freo algún á defensa dos intereses dos profesionais deste sector por parte do colexio. O colectivo profesional denuncia que en Galicia estase a producir un “inaceptable agravio” á Enxeñaría Técnica en Informática no acceso á función pública, algo que debería ser resolto de maneira inmediata polos máximos responsables do Goberno galego para poder ofertar procesos que garantan os máximos estándares de responsabilidade e transparencia e que incorporen a aqueles profesionais que ostentan unha alta cualificación específica e acorde coa función a desenvolver.
“O certo é que o agravio que estamos a sufrir é dobre. Por unha banda, ábrese a posibilidade a que calquera opte a postos que teñen a necesidade de contar con coñecementos específicos, mentres que noutras escalas (Enxeñeiro técnico de minas, Enxeñeiro técnico de obras públicas, Enxeñeiro técnico industrial, Topógrafos ou Arquitectos técnicos) as titulacións mínimas esixidas son as que corresponden a esa mesma nomenclatura. E por outra banda, o que ocorre en Galicia non ocorre noutras comunidades autónomas, que si souberon modificar o seu criterio e as súas resolucións para facelas máis xustas e eficientes, e mesmo crearon corpos específicos de Informática, coma no caso da Comunidade Valenciana”, advirten desde o CPETIG.
Ademais, o colexio profesional defende que “non existe na actualidade nin un só servizo público que non dependa estreitamente da Informática. Precisamente por iso é un asunto de vital importancia escoller a aqueles profesionais máis capacitados para desenvolver tarefas específicas que requiran dos coñecementos impartidos na titulación de referencia”. O CPETIG demostrou que o temario do proceso que se recorreu é axustado aos da Enxeñaría e Enxeñaría Técnica Informática, polo que se “atenta directamente contra os principios de mérito e capacidade e se vulnera o de igualdade”. En opinión do ente colexial, o Goberno galego non está a dar cumprimento a un precepto fundamental, o de gobernar para a cidadanía cumprindo as súas funcións coa maior eficiencia posible.
Unha loita que vén de lonxe
Na resolución do TSXG recóllese a reflexión do tribunal sobre “se o precepto legal é ou non adecuado”. Precisamente ese xuízo de valor é o que pode resolver a Xunta de Galicia á hora de convocar procesos desta natureza. Por iso, o CPETIG insta ao executivo autonómico a que aclare por que non quere recoñecer as capacidades profesionais específicas dos axentes dun sector altamente valorado no sector privado desde hai anos.
Esta férrea defensa dos intereses do sector por parte do Colexio é unha constante da actividade do colectivo desde os seus inicios. Xa en 2009 reivindicouse a creación dunha escala técnica en informática, cunha titulación mínima de Enxeñaría Técnica en Informática ou equivalente.
O CPETIG non cesará na súa defensa da profesión e dos profesionais e insiste en que a Xunta de Galicia ten a obriga moral de velar polos intereses de todos os traballadores e de todos os sectores, en igualdade de condicións (incluída a Enxeñaría Técnica en Informática), poñer en marcha procesos de selección coas máximas garantías e transparencia posibles e ofrecer uns servizos públicos eficientes e de calidade cos profesionais máis cualificados posibles.