O CPETIG colabora coa Amtega no deseño da Axenda Dixital de Galicia

Esta reunión forma parte dunha campaña integral da Amtega para a elaboración da Axenda Dixital de Galicia 2020, que marcará a estratexia da nosa comunidade en materia tecnolóxica e que se presentará a comezos de 2015. Para o seu deseño contará coas achegas das institucións públicas, axentes económicos e sociais e da sociedade galega, como o CPETIG.

Na reunión, Mar Pereira trasladoulle aos representantes do sector TIC a importancia de abordar conxuntamente estes aspectos desde o ámbito galego, a pesar de existir xa una Axenda Dixital para Europa. O obxectivo que se persegue é asegurar que as decisións terán un impacto positivo na nosa contorna, respostar aos desafíos tecnolóxicos específicos da nosa comunidade e dotala dos mecanismos necesarios para afrontar as oportunidades de crecemento que se nos brindan.

As actuacións desta axenda están en liña con cinco ámbitos establecidos na Estratexia Galega de Crecemento Dixital: acadar unha Administración Dixital innovadora, incrementar a capacitación dixital das persoas, impulsar á economía dixital, afianzar o sector TIC como estratéxico e impulsar o despregamento de infraestruturas de telecomunicación modernas e sustentábeis.