O CPETIG Celebra a constitución do Consello Galego de Intelixencia Artificial

·        Considera que é unha ferramenta estratéxica para a implantación da IA, polo que se procederá a crear un grupo de traballo

·        O CPETIG forma parte deste organismo como vogal do Consello

 

Santiago de Compostela, 25 de abril do  2025.- O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) ven de participar hoxe no acto de constitución do Consello Galego de Intelixencia Artificial, que tivo lugar na Biblioteca América, no Pazo de Fonseca. A composición deste Consello está definida na recén aprobada LEI 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e o impulso da intelixencia artificial en Galicia.

O CPETIG forma parte deste organismo como vogal do Consello, e foi o  presidente do Colexio, Marcos Mata, o encargado de asistir ao acto. A Enxeñería Técnica Informática é unha das profesións ligadas á IA.

Segundo explicou Marcos Mata, “dende a Xunta de Goberno do CPETIG queremos fomentar a participación en algo tan estratéxico coma é a implantación da IA, polo que se procederá a crear un grupo de traballo, aberto a todos os colexiados/as”.

De vital importancia

O CPETIG considera de vital importancia o avance das cuestión lexislativas referentes á Intelixencia Artificial, polo que se congratula coa constitución deste Consello Asesor e coa súa presencia como vogais “porque é  imprescindible dispor dun marco normativo que permita a aplicación destas tecnoloxías de xeito ético, seguro e consciente que conte cos asesores axeitados para poder desenvolverse”, subliña o presidente

O CPETIG creouse mediante Lei 8/2006 e ostenta a representación da Enxeñaría Técnica en Informática. Na actualidade o Colexio inclúe entre os seus membros ós titulados nos graos vinculados coa profesión coma o Grao de Enxeñaría Informática que son os máis cércanos ás tecnoloxías de IA e reúnen as competencias complementarias ás dos e das enxeñeiros/as en informática.