O Cpetig abre un novo ciclo formativo centrado na relación entre a tecnoloxía, a infancia e a mocidade

 ·         Comeza o 25 de setembro en Ribeira e ten coma obxectivo ofrecer ás familias e formadores recursos prácticos de acompañamento dixital

·         Organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia dentro do convenio firmado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Santiago de Compostela, 20 de setembro 2026.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), pon en marcha un novo ciclo de iniciativas formativas centradas na relación entre a tecnoloxía, a infancia e a mocidade. O obxectivo principal desta colaboración é ofrecer ás familias e persoas formadoras recursos prácticos e pautas eficaces de acompañamento dixital.

O uso das tecnoloxías de forma segura e responsable é un dos grandes retos actuais na educación dos menores. Por este motivo, estas sesións abordarán unha completa variedade de temas clave para garantir a protección e o benestar dixital na rede.

Contidos principais do programa

Entre os principais contidos do programa están os riscos e retos do uso da tecnoloxía, polo que nos obradoiros falarase do ciberacoso, o grooming, a sextorsión e outros riscos asociados á contorna dixital. Tamén da educación dixital, con desenvolvemento de pautas de establecemento de límites, horarios, desconexión, fomento da comunicación e acompañamento familiar axeitado.

Os videoxogos e o consumo dixital, tamén estarán presentes neste ciclo formativo, co tratamento da análise do tempo de xogo, os micropagos e as chamadas loot boxes ou caixas de botín. Para isto se abordarán ferramentas de control parental co descubrimento de aplicacións e solucións técnicas adaptadas ás diferentes idades.

Nas xornadas haberá tamén un bloque práctico centrado na formación orientada á configuración de dispositivos, redes Wi-Fi, consolas e principais plataformas dixitais, e un repaso do marco legal básico, centrado en aspectos legais relacionados co uso de redes sociais, a privacidade, o RGPD e o dereito á propia imaxe.

As boas prácticas e recomendacións, estarán presentes tamén nesta formación, na que se ofrecerán  pautas xerais para favorecer un uso seguro, responsable e equilibrado da tecnoloxía, cunha orientación por franxas de idade (0-6, 7-12, 13-15 e 16-18 anos) e mostra de ferramentas, configuracións e pautas específicas adaptadas a cada etapa evolutiva.

Sesións específicas para persoas formadoras

Ademais das accións dirixidas directamente aos fogares, o programa impulsado polo CPETIG e a AMTEGA contempla unha sesión especial orientada a persoas formadoras, dispoñible tamén en formato en liña, o luns 28 de setembro ás 17:30 horas.

Nesta sesión específica traballaranse os mesmos contidos pero cun enfoque encamiñado a facilitar a súa posterior dinamización. O propósito é proporcionar recursos e materiais —incluíndo as presentacións empregadas— para que os profesionais poidan utilizalos libremente e acompañar as familias nas súas propias actividades.