O CPETIG aborda na IV Xornada de Informática Xudicial os retos da xustiza ante a sociedade 2.0

O programa da IV xornada de informática xudicial, baixo a dirección técnica a Víctor Salgado avogado socio do Bufete Pintos & Salgado, tamén amosará os beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no proceso xudicial, as claves da valoración da proba informática e o relevante papel dos peritos informáticos nas causas xudiciais.

Big Data, móbiles e o éxito de @policia

Big Data e o dereito á privacidade, e a proba electrónica abren a xornada cun relatorio que impartirá Jorge Campanillas, avogado experto. O inspector xefe da Comisaría Xeral da Policía Científica na Policía Nacional, Jorge Martín, exporá a labor forense da Policía Xudicial ante a nube e os dispositivos móbiles.

O novo escenario xurídico-probatorio ante a ilegalización da directiva europea de conservación de datos será explicado polo maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco. Pola súa banda, Julián Valero-Torrijos, profesor titular de Dereito Administrativo na Universidade de Murcia abordará o marco normativo da Ley de Xustiza Electrónica.

Durante esta IV xornada tamén se coñecerá polo miúdo o labor divulgativo e preventivo da policía en materia de menores e redes sociais, mediante o relato en primeira persoa do responsable da conta @policia, Carlos Fernández Guerra. Entre outros temas, tamén se abordarán cuestións relacionadas coa ciberdefensa ante as nova ciberameazas e o futuro da Xustiza Europea, na sociedade 2.0.

O CPETIG, mediante o convenio de colaboración asinado coa Amtega, quere contribuír a formar aos profesionais da Administración de Xustiza no uso das tecnoloxías da información, a súa complexidade técnica e xurídica, e as súas potencialidades para achegar a xustiza aos administrados.