O Consello da Xunta aproba os Estatutos do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática

Consello da XuntaO Colexio agrupará obrigatoriamente a todas as persoas españolas e estranxeiras que, por estaren en posesión do título oficial de enxeñaría técnica en informática ou diplomatura en informática expedido polo Estado -ou dos títulos comunitarios ou estranxeiros homologables a estes- desenvolvan actividades propias da profesión ou exerzan función ou cargo en razón destes títulos con domicilio profesional na Comunidade Autónoma. O texto establece que se exceptúa da colexiación obrigatoria os profesionais vinculaos coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral cando o destinatario da súa actuación sexa esa Administración. Ademais, os estatutos contemplan a existencia de membros xubilados, que poderán seguir pertencendo ao Colexio de pleno dereito –sen que teñan que satisfacer as cotas colexiais-; de colexiados de honra, que serán aquelas persoas, pertencentes ou non á profesión, que lle rendan servizos destacados; e de pre-colexiados, persoas que estean cursando os estudos de enxeñaría técnica en informática e teñan acadado un mínimo do 80% dos créditos. Estes últimos terán todos os dereitos dos colexiados excepto a posibilidade de participación en órganos de goberno; voto nas asembleas e todos aqueles que para a súa utilización requiran da posesión do título. Fins e funcións do Colexio Os fins esenciais do Colexio son a ordenación do exercicio da profesión en todas as súas formas e especialidades; a representación exclusiva desta profesión e a defensa polos intereses profesionais dos titulados; velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión mediante a salvagarda e observancia dos seus principios deontolóxicos e éticos; lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados; cooperar na mellora dos estudos que conducen á obtención dos títulos correspondentes; e colaborar coas administracións públicas na consecución dos dereitos individuais e colectivos da profesión. Para o cumprimento destes fins, o Colexio facilitaralles aos seus membros o exercicio da profesión; asesorará ás administracións públicas, corporacións oficiais e particulares nos asuntos que afecten á mesma; emitirá os informes que se lle requiran sobre as disposicións de calquera rango que teñan incidencia na actividade desta enxeñaría; exercerá a representación para o cumprimento dos seus fins; participará nos organismos consultivos das distintas administracións públicas en materia da súa competencia profesional; cooperará coa Xustiza e demais organismos oficiais na designación de colexiados que puidesen ser requiridos para realizar informes, ditames, taxacións, peritaxes ou outras actividades profesionais; ordenará a actividade profesional dos seus membros; establecerá baremos de honorarios; impedirá os casos de intrusismo e organizará actividades e servizos de interese para os colexiados. Colexiación O texto establece que para ser colexiado hai que estar en posesión do título universitario oficial de enxeñaría técnica en informática ou diplomatura en informática -ou ben do título estranxeiro equivalente sempre que, en virtude de convenio de reciprocidade, o Goberno lles outorgue a autorización expresa para poder exercer a profesión-; non atoparse inhabilitado profesionalmente nin colexialmente como consecuencia de resolución xudicial ou resolución disciplinaria firme; aboar a cota de entrada vixente e, se procede doutro colexio territorial, achegar unha comunicación do colexio de orixe que acredite as condicións anteriores. A colexiación poderá ser denegada cando os documentos presentados sexan insuficientes ou ofrezan dúbidas con respecto da súa autenticidade; cando o peticionario estea baixo condena que leve anexa unha pena de inhabilitación para o exercicio da profesión; e cando estea suspendido neste exercicio por outro colexio. Así mesmo, perderase a condición de colexiado a petición propia, por pena de inhabilitación ou por falta de pagamento da cota colexial durante un ano. O decreto establece o catálogo de dereitos e deberes dos colexiados así como os órganos de representación, desenvolvemento normativo, control, goberno e administración do Colexio, que son a asemblea xeral, a xunta de goberno e o presidente. Así mesmo recóñese as figuras de control e defensa constituida por os defensores, do colexiado e do usuario. Fonte da foto: Vieiros www.vieiros.com. Licencia Creative Commons.