O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia recompila no dossier ‘Antoloxía 2010-2022’ os once anos do IURISTICGAL

 

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) presenta hoxe dixitalmente o dossier ‘Antoloxía 2010-2022’ no que se recollen as experiencias dalgúns dos relatores participantes nas once edicións deste evento e os avances acadados na última década no eido da xustiza e a tecnoloxía.

A publicación retrospectiva fai un percorrido por todas as convocatorias do IURISTICGAL, iniciativa que se inauguraba no ano 2010 co propósito de converter a Galicia nun espazo de diálogo e networking onde coñecer as iniciativas desenvolvidas para impulsar a modernización xudicial, os retos aos que se enfronta a xustiza e actualizar aos xuristas, persoal da Administración e outros profesionais forenses dos avances en materia probatoria.

Para o presidente do CPETIG, Marcos Mata, o obxectivo deste proxecto, cuxos resultados plásmanse neste documento, é establecer un nexo común entre a informática e a xustiza, porque “soamente cunha estreita permeabilización entre os dous colectivos de profesionais pódense achegar solucións que estean á altura das circunstancias e afrontar os desafíos que se presentan”.

Asemade salienta que “a implicación da Administración para a regulación da Informática no eido xudicial, era fundamental e quedou reflectido a través do apoio proporcionado pola Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)”.

 

Catorce destacados aportes e datos relevantes das once edicións do IURISTICGAL

 

Ao longo de máis dunha década, o IURISTICGAL reuniu a case 60 expertos que compartiron os seus coñecementos e visións con máis de 1.000 participantes. Para a realización do dossier ‘Antoloxía 2010-2022’ catorce relatores dos eidos do dereito, a xustiza e a ciberseguridade construíron o fío condutor da publicación a través da súa participación nas distintas edicións, á vez que aportaron unha visión de futuro sobre os temas marcarán á relación entre a tecnoloxía e a contorna xudicial.

Esta recompilación conmemorativa recolle as ponencias dos seguintes expertos, segundo a edición do congreso:

  • 2010      Miguel Abad, perito informático experto do CPETIG.
  • 2012      Alberto Martínez, xefe da Sección de Enxeñería e Informática Forense da Policía Nacional.
    • Joaquín Delgado, maxistrado da Audiencia Nacional.
  • 2013      David Maeztu, avogado especializado en dereito de internet, propiedade intelectual e tecnoloxía.
    • Jorge Campanillas, avogado, experto en dereito e informática.
  • 2014      Raúl Siles, fundador e analista de seguridade sénior de DinoSec.
  • 2015      Juan Luis Rambla, responsable de desenvolvemento de negocio de ciberseguridade de Sidertia.
  • 2016      Samuel Parra, avogado especializado en dereito tecnolóxico e transparencia.
  • 2017      Ofelia Tejerina, avogada e presidenta da Asociación de Internautas.
    • Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional.
  • 2018      Mar España, directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).
    • Silvia  Barrera, inspectora de Policía Nacional, experta en investigación do cibercrime e evidencias dixitais.
  • 2019      Moisés Barrio, licenciado en Dereito, experto en ciberpolítica e ciberseguridade.
  • 2021      Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional.

 

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, quen tamén formou parte desta publicación a través do seu prólogo, remarcou que “debemos seguir sumando esforzos e aproveitar a madurez tecnolóxica da que dispoñemos para continuar mellorando infraestruturas e medios, e proseguir avanzando na capacitación, formación e información aos profesionais do dereito e lograr que sexan a nosa ponte entre o dereito a tecnoloxía”.

A presentación deste dossier enmárcase dentro do convenio que mantén o CPETIG coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para fomentar a adopción de tecnoloxías dixitais no sector xudicial e poñer ao servizo deste todas as ferramentas coas que afrontar un futuro marcado polos desafíos e as oportunidades da dixitalización.