Nova edición de Silver Bullet e IURISTICGAL, no marco do convenio de colaboración coa Amtega

O presidente do CPETIG, Marcos Mata, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa directora da Amtega, Mar Pereira, polo que se renova a cooperación que ambas as dúas partes veñen mantendo nos últimos anos. O acto fíxose extensivo aos presidentes do CPEIG e da AET, que asinaron os seus correspondentes acordos, no marco da colaboración establecida pola Amtega cos axentes do sector para desenvolver as medidas previstas na Axenda Dixital de Galicia 2020.

A liña de actuación do CPETIG para este novo exercicio representa unha combinación de iniciativas novidosas, como unha campaña de sensibilización sobre a presenza das mulleres na informática, e outras xa moi consolidadas, como unha nova edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos ou xornadas formativas para profesionais.

No marco do convenio asinado hoxe, o CPETIG celebrará a oitava edición da Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, IURISTICGAL, que reunirá un ano máis a reputados especialistas neste eido para abordar e debater as novidades derivadas da evolución tecnolóxica e a súa aplicación no ámbito xudicial. Asemade, destaca a organización do II Congreso de Xestión de Proxectos de Software, SilverBullet18, que amosará as tendencias metodolóxicas na xestión de proxectos de software e fomentará a adquisición de habilidades de xestión de recursos humanos, comunicación, liderado, etc. de xeito que se potencien as fortalezas do sector TI galego, con servizos de calidade e valor, que supoñan unha aposta diferencial.

Amais o Colexio celebrará a IV edición do Scratch Day, a xornada que reune á rapazada, acompañada de pais e nais, para achegarse á programación e á creación de videoxogos coa ferramenta Scratch.

Como principal novidade, o CPETIG porá este ano en marcha unha Campaña de sensibilización sobre a presenza das mulleres no ámbito tecnolóxico. A iniciativa dará especial visibilidade a mulleres que foron esenciais no desenvolvemento da informática e a outras que hoxe en día traballan no sector, buscando dende as súas experiencias superar estereotipos de xénero e ideas preconcibidas que afastan ás mulleres, desde idades moi temperás, da opción de escoller estudos vinculados á informática.

Na axenda de actividades para este ano hai tamén un curso sobre a normativa de protección de datos de carácter persoal para afondar no coñecemento do novo  marco en materia de Protección de Datos e nas actuacións que se deben levar a cabo con motivo da adecuación obrigatoria ao novo Regulamento Xeral de Protección de Datos da UE e a figura do DPD (Delegado/a Protección Datos).