Nova edición de Iuristicgal: ‘Intelixencia artificial e xustiza’, o 23 de outubro na CdC

A IX Xornada de Informática Xudicial, Iuristicgal19, terá lugar o día 23 de outubro na Cidade da Cultura, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA.

A xornada, convocada baixo o título “Intelixencia artificial e xustiza”, vai dirixida a profesionais da xustiza, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, peritos e xuristas en xeral. Ten como obxectivo informar e concienciar dos importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial e incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial mediante as novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.

A edición deste ano terá carácter condensado, con dous relatorios e unha mesa redonda que se desenvolverán en sesión de mañá, e será inaugurada pola directora da AMTEGA, Mar Pereira, acompañada polo presidente do CPETIG, Marcos Mata. Intervirán como relatores Moisés Barrio, letrado do Consello de Estado e autor do libro “Dereito dos robots”, que presentará o relatorio “A intelixencia artificial ante o Dereito”; e Eloy Velasco, maxistrado da Sala de Apelación da Audiencia Nacional, que exporá “Evolución da proba electrónica no ámbito xudicial: o presente e as perspectivas de futuro”. A xornada completarase cunha mesa redonda sobre “As vantaxes e os perigos das novas ferramentas tecnolóxicas para a defensa dos nosos dereitos”, moderada por Víctor Salgado, director técnico da xornada.

Como novidade, este ano o acceso a Iuristicgal é gratuito, previa reserva da praza. Máis información e inscricións en http://iuristicgal.cpetig.gal

Oportunidade

Considerando a complexidade técnica e casuística destas tecnoloxías así como a innovadora lexislación aplicable, a xornada pretende dar resposta á necesidade de formación dos profesionais da xustiza, profesionais forenses e xuristas en xeral, ao obxecto de que coñezan esta lexislación e a nova realidade tecnolóxica que a orixina, así como as novas ferramentas dispoñibles para interpretala correctamente e aplicala ao caso concreto.