Marcos Mata asume un novo mandato como presidente do CPETIG

Marcos Mata asume un novo mandato como presidente do CPETIG, ao ser proclamada directamente a súa candidatura pola Xunta Electoral por resultar innecesaria a realización da votación, tal e como dispoñen os estatutos do Colexio no suposto de que se presente unha única candidatura ao proceso electoral.

Deste xeito, e superado o prazo para posibles impugnacións, a Xunta Electoral proclamou o 21 de xaneiro a candidatura de Marcos Mata, que afronta así o seu terceiro mandato como titular do órgano colexial, acompañado por Juan Luis Miguéns na Secretaría; Anxos Cabado, na Tesouraría; Miguel Abal, na Vicesecretaría; e Pablo Belay, Isaac Castro e Carlos Vila, como vogais. Estes dous últimos colexiados son de nova incorporación á Xunta de Goberno.

Na súa folla de ruta para a novo mandato, a Xunta de Goberno do CPETIG prioriza entre os seus obxectivos traballar intensamente a prol da regulación da Informática para que se corrixa a discriminatoria situación que sufre, derivada do Real Decreto 1837/2008, que exclúe a Enxeñarías en Informática das profesións reguladas. Xunto a iso, a liña de acción será de continuidade para consolidar a oferta de eventos profesionais que anualmente organiza o Colexio, así como accións formativas nas materias relacionadas cos perfis máis demandados polo mercado laboral e ofrecer máis e mellores servizos para as persoas colexiadas.