Manifesto da SCIE e da CODDI sobre o ensino preuniversitario da informática

A Sociedade Científica Informática de España, SCIE, e a Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría Informática, CODDI, veñen de redactar un manifesto sobre a necesidade de incluir a materia informática no sistema educativo con carácter obrigatorio, desde a Educación Primaria ata o Bacherelato.

Segundo se argumenta no manifesto, o ensino reglado da informática ten un papel cada vez máis destacado nos países do noso entorno e cita como “modélico” o caso de desenvolvemento e implantación en Gran Bretaña, mentres “España se atopa moi retrasada nesta materia”.

Ante este escenario, o manifesto propón unha regulamentación lexislativa, de xeito que se detallen os obxectivos, contidos, criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe, como no resto de asignaturas.

SCIE e CODDI sosteñen que a proporción de contidos de competencia dixital e de informática debe variar segundo as etapas educativas e o grao de madurez do alumnado. Neste senso, para o nivel de Educación Primaria propoñen contidos maioritariamente de competencia dixital e coñecementos básicos de programación e computadores. No Ensino Secundario deberían gañar maior presencia os contidos de informática, que aseguren coñecementos básicos de programación, algoritmos, lóxica e outras ramas da disciplina. Para o nivel de Bacherelato, os contidos deberían ofrecerse de forma lixeiramente particularizada nas modalidades de Ciencias, Ciencias Sociais e Humanidades e Artes, profundizando en coñecementos de informática que esixen un maior nivel de abstracción e en competencia dixital ata un nivel avanzado.

O manifesto reflexiona sobre a necesaria formación do profesorado para unha implantación exitosa desta proposta, de xeito que as administracións “deben asegurar unha formación adecuada (do profesorado)  en competencia dixital e informática”.

O documento remata destacando entre as vantaxes de implantar esta materia no ensino preuniversitario “a familiarización desde idades tempranas cun campo no que as mulleres teñen un papel minoritario, de xeito que fomentaría unha maior porcentaxe de vocacións femininas en informática”.

Por último, o manifesto conclúe que “unha poboación formada en informática permitirá un maior desenvolvemento empresarial dos sectores económicos con valor engadido e un cambio de modelo económico, así como maior competitividade”.

Pode consultarse o manifesto completo en http://www.scie.es/wp-content/uploads/2018/02/manifiesto-ensenanza-no-universitaria-v2.pdf