Máis dun cento de profesionais daranse cita en IURISTICGAL17

A intelixencia artificial e a ciberseguridade son o fío condutor do programa da nova edición da Xornada de Informática Xudicial que terá lugar o 4 de outubro na Cidade da Cultura, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia, CPETIG, coa  colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega.

A edición deste ano, convocada baixo o título Ciberseguridade, privacidade e intelixencia artificial, reune a máis dun cento de profesionais e un panel de relatores expertos de ámbitos como a avogacía, a enxeñaría informática e as forzas de seguridade do Estado, que darán unha visión integral da ciberseguridade e da revolución que supón a intelixencia artificial na aplicación da lei. Avances como a condución autónoma ou as fábricas plenamente automatizadas representan un escenario que é percibido pola sociedade, á vez, como oportunidade e como ameaza, especialmente pola inevitable destrución de postos de traballo que serán copados progresivamente por robots intelixentes.

Esta complexa realidade abre numerosas esixencias no eido do dereito, de xeito que os profesionais da xustiza están obrigados a coñecer, interpretar e aplicar estas tecnoloxías para dar unha resposta acorde aos crecentes requerimentos.

A intelixencia artificial na interpretación e na aplicación da lei, mediante un xuíz robot, será o tema de apertura da VII Xornada de Informática Xudicial, cun relatorio ofrecido por Alejandro Sánchez del Campo Redonet, regulatory counsel en Telefónica Digital. Despois, Ofelia Tejerina, avogada da Asociación de Internautas e membro do Grupo de Traballo sobre Dereitos Dixitais da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, exporá un relatorio sobre privacidade e dereitos fundamentais. A ciberseguridade e a peritaxe informática centrarán o terceiro dos relatorios, ofrecido por Pilar Vila, perita informática en Forensic &Security, seguido dunha mesa redonda sobre Privacidade e xustiza ante un mundo plenamente dixital, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico da xornada.

A sesión de tarde comezará coa exposición de Juan Antonio Frago, fiscal do Grupo de Delitos Económicos en A Coruña, titulada e-Xustiza, mito ou realidade?, para dar paso despois a Manuel Guerra, analista forense na Sección Técnica da Unidade Central de Investigación Tecnolóxica, UIT, da Policía Nacional, que exporá o relatorio titulado A ciberdelincuencia desde o outro punto de vista.