Hoxe, 11 de febreiro, Día de Internet Segura

O Día de Internet Segura conmemórase cada 11 de febreiro por iniciativa da Comisión Europea, a través da Rede INSAFE, para promover e afianzar unha actitude individual responsable que faga de Internet unha ferramenta máis segura.

Phishing, fraudes en compras online, roubo de datos, tecnoadiccións ou ciberbullyng son algunhas das numerosas ameazas que proveñen dun uso excesivamente confiado e pouco seguro da rede, especialmente preocupante no caso de menores e adolescentes.

A conmemoración desta data, este ano baixo o lema ‘Unha Internet mellor comenza contigo: xuntos aprendemos ciberseguridade’, pretende ser unha chamada de atención para reflexionar, tomar conciencia e xeneralizar un uso máis seguro e responsable de Internet, visibilizando os riscos e proporcionando as pautas para sacar partido á potencialidade da rede con total garantía e sen comprometer algo tan valioso como a seguridade e a privacidade.

Os servizos máis usados na rede ofrécense, en boa medida, grazas á cantidade de información e datos persoais facilitados polos usuarios, tanto ás empresas que prestan os servizos como a outros usuarios, sendo preciso tomar conciencia dos perigos e ameazas que conleva para a privacidade e a seguridade individual.

O Día de Internet Segura trata de favorecer a incorporación á rutina diaria dalgunhas estratexias para navegar con plenas garantías. Entre as recomendacións, usar contrasinais robustos, facer copias de seguridade, seguir os consellos para compras online, evitar os programas maliciosos, preservar aspectos de privacidade en redes sociais evitando o contacto con persoas descoñecidas ou que non formen parte do círculo familiar ou social, utilizar unha conexión segura ou eliminar vínculos ou correos sospeitosos.

Especialmente sensible é a exposición que afecta a menores, en eidos como a utilización responsable dos videoxogos ou o sharenting, como uso habitual das redes sociais para amosar e compartir novas ou imaxes de menores, co perigo aparellado de   ciberbullyng, grooming ou outros comportamentos intimidantes.

Tendo en conta que os menores e adolescentes son os grupos máis expostos aos riscos dixitais, é recomendable que as persoas adultas do seu entorno tomen medidas como a activación de configuracións familiares que axudan a administrar o tempo ante a pantalla ou establecer permiso de acceso a xogos ou aplicacións.