Santiago, 27 de xuño de 2016. O pasado sábado tivo lugar en El Corte Inglés de Santiago a entrega de premios do I Concurso de Scratch, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática (CPETIG), que tiña na súa primeira edición como temática o Camiño de Santiago e onde asistiron algo máis de 70 persoas entre as que se atopaban os rapaces premiados acompañados na súa maioría dos seus pais e profesorado dos centros.
O concurso contou co apoio de El Corte Inglés, Fundación Barrié, Coremain e Gadis.
O acto empezou cunha presentación sobre o uso de elementos físicos programables dende Scratch, onde se lle presentou aos asistentes dende o Scratch para Arduino a placas Raspberry.
Rematada a presentación, chegou o momento en que Marcos Mata, presidente do CPETIG dou paso á entrega de premios. Todos os premiados recibiron un distintivo para a clase, que consistiu nunha impresión en 3D do símbolo de Scratch, un cheque regalo (aportación de El Corte Inglés, CPETIG e Gadis) e os profesores unha tablet (Aportación de Coremain e o CPETIG). Ademáis, os vencedores das dúas categorías, primaria e secundaria, recibiron un vale para unha sesión demostrativa científico tecnolóxica da Fundación Barrié.
Os premiados foron:
Na categoría de primaria, o 1º premio recaeu no proxecto CAMIÑO PREGUNTÓN do CPI PLURILINGÜE VIRXE DA CELA, grupo VIRTUALKIDS e o segundo premio foi para o proxecto PASENIÑO, PASENIÑO FAISE O CAMIÑO do CEIP PLURILINGÜE VILAR DE BARRIO, grupo GALOPÍNS.
En canto á categoría de secundaria, o 1º premio acadouno o proxecto ANDANDO O CAMIÑO do IES DE BRIÓN, grupo CAMIÑANTES e o segundo premio foi para o proxecto AVENTURAS DO CAMIÑO do IES CARLOS CASARES, grupo SCRATCHERS EN VIANA.
O concurso é unha actividade máis das que ven realizando o CPETIG nos últimos anos de cara a difundir os valores da programación entre os nenos, os seus pais e os seus formadores.
Ferramenta que promove o pensamento creativo
Scratch é unha ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. Deseñada para nenos de idades entre os 8 e os 16 anos, axuda aos máis novos a aprender a pensar de xeito creativo, razoar sistematicamente, e traballar en colaboración coa comunidade. Por iso, eran obxectivos do concurso fomentar a aprendizaxe no desenvolvemento de aplicacións informáticas con Scratch; comprender a potencia do seu uso como ferramenta didáctica; favorecer metodoloxías e casos de éxito da ensinanza da programación con este software; e desenvolver estratexias de integración da programación con Scratch en distintas etapas e disciplinas educativas.