Fin de semana intenso en Galicia coas actividades do Cpetig

 

  • O novo ciclo de acompañamento dixital para familias arranca este venres, 25 de setembro, na Aula CeMIT de Ribeira.
  • A programación continúa o sábado 26 coa XI edición do Scratch Day na Aula CeMIT de Fisterra e o luns 28 cunha sesión para formadores no GaiásTech
  • Ambas iniciativas están organizadas polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)

Santiago de Compostela, 24 de setembro 2026.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) pon en marcha este venres un ambicioso calendario de actividades formativas e divulgativas enmarcadas no convenio de colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). As propostas combinan o fomento das vocacións tecnolóxicas dende a infancia coa prevención e o uso seguro e responsable da rede.

Venres, 25 en Ribeira: Inicio do novo ciclo formativo sobre tecnoloxía e  infancia

A actividade máis próxima terá lugar mañá mesmo, venres 25 de setembro, na Aula CeMIT de Ribeira (de 17:00 a 19:00 h), co arranque oficial dun novo ciclo de iniciativas formativas centradas na relación entre a tecnoloxía, a infancia e a mocidade. Esta proposta ten como obxectivo principal ofrecer ás familias e persoas formadoras recursos prácticos e pautas eficaces de acompañamento dixital. As sesións abordarán temas crave para garantir a protección e o benestar na rede, como os riscos do uso tecnolóxico (ciberacoso, grooming, sextorsión), a educación dixital e establecemento de límites, a xestión dos videoxogos e micropagos, o uso de ferramentas de control parental, a configuración segura de dispositivos e o repaso do marco legal básico (privacidade e RGPD). 

Sábado, 26 en Fisterra: continúa a XI edición do Scratch Day

A axenda continuará de inmediato este mesmo sábado, 26 de setembro, coa celebración dunha nova xornada da XI edición do programa Scratch Day na Aula CeMIT de Fisterra. Esta iniciativa busca espertar e fomentar vocacións no ámbito STEAM entre a rapazada de 7 a 15 anos a través da programación informática.

Ademais, o ciclo formativo sobre tecnoloxía e infancia avanzará o luns 28 de setembro ás 17:30 horas cunha sesión específica organizada no GaiásTech (dispoñible tamén en liña) e dirixida especialmente a persoas formadoras e docentes, co fin de proporcionar materiais e recursos prácticos para a súa posterior dinamización.

Todas estas actividades son de balde e teñen como fin último mellorar a ciberseguridade e o benestar dixital dos menores en Galicia. As inscricións están abertas nas correspondentes aulas CeMIT.

Calendario e localizacións das aulas dos dous programa en marcha

O ciclo de formación desenvolverase presencialmente en diferentes puntos da rede de aulas e espazos tecnolóxicos colaboradores.

Iniciarase mañá, venres 25 de setembro na Aula CeMIT de Ribeira (de 17:00 a 19:00 h). Continuará o luns 28 de setembro cunha sesión presencial e en liña no GaiásTech dirixida especialmente a persoas formadoras (ás 17:30 h), e retomará a actividade o venres 2 de outubro na Aula CeMIT da Fonsagrada (de 17:00 a 19:00 h).

O programa tamén pasará polo GaiásTech cunha sesión específica para familias o mércores 7 de outubro (de 17:00 a 19:00 h), para despois achegarse ao CeMIT de Moaña o venres 9 de outubro (de 17:00 a 19:00 h) e pechar esta edición o venres 23 de outubro no CeMIT O Barco (no mesmo horario de 17:00 a 19:00 h).

Mentras, a XI edición do Scratch Day mantén abertas as súas últimas citas de cara aos meses de setembro e outubro de 2026. A actividade máis próxima celebrarase este mesmo sábado, 26 de setembro, na Aula CeMIT de Fisterra (con contacto a través de cemit.fisterra@xunta.gal).

Posteriormente, o ciclo continuará na Aula CeMIT de Celanova, cuxa formación presencial e inscrición se pode xestionar a través da plataforma da Xunta de Galicia.

Finalmente, o programa pechará a súa undécima edición cunha gran xornada de clausura o próximo 10 de outubro no Salón de Convencións do edificio CINC, na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), para a cal xa é posible formalizar a inscrición a través do portal oficial scratchday.cpetig.gal.