Os vindeiros días 1 e 2 de febreiro terá lugar na Cidade da Cultura a segunda parte do curso especializado de delegado de Protección de Datos (DPO) organizado polo CPETIG. Nesta segunda fase, continuación das sesións celebradas o pasado mes de setembro, participarán os mesmos asistentes da primeira, ao obxecto de completar a súa formación sobre a figura do DPO.
Estas dúas vindeiras sesións terán unha duración total de 10 horas, distribuidas entre a tarde do venres, día 1, e a mañá do sábado, día 2, completando así un programa formativo de 30 horas, recoñecido pola Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) como parte dun dos seus itinerarios para optar ao exame de certificación como DPO.
Os contidos do curso están centrados nos fundamentos e principios da nova regulamentación de Protección de Datos, nos dereitos das persoas interesadas, nas obrigas de responsables e encargados do tratamento de datos e nas medidas de seguridade, así como no estatuto da figura do Delegado de Protección de Datos, na Autoridade de control e no réxime sancionador.
Obxectivos
O curso DPO ofrece unha visión xeral da normativa europea de Protección de Datos, incidindo en aspectos prácticos para as entidades responsables do tratamento e os seus prestadores de servizos.
Entre outros obxectivos, o curso está deseñado para coñecer os principios básicos da nova normativa, cunha análise detallada das obrigas que afectan ás entidades públicas e privadas que tratan datos de carácter persoal; e afondar nas funcións do DPO, acadando o nivel de coñecemento preciso para poder levalas a cabo.
Formación recoñecida pola AEPD
A formación é impartida por AENOR Formación e recoñecida pola AEPD como válida para a obtención de puntos e posterior presentación ao exame de Certificación DPO.
O perfil profesional ao que vai dirixido o curso inclúe a responsables de seguridade e cumprimento normativo, auditores internos ou externos que deban avaliar a observancia da normativa, consultores, avogados e, en xeral, a profesionais interesados en prestar servizos neste ámbito.