Éxito entre a mocidade galega dos obradoiros Girl Steam que promove o CPETIG para espertar vocacións científico-tecnolóxicas

Os talleres de stopmotion e téxtil intelixente contaron coa participación de máis de 300 nenos e nenas, de idades comprendidas entre os 8 e os 15 anos, que se achegaron ao concepto “STEAM”: Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría, Artes e Matemáticas a través de actividades lúdicas empregando software adaptado e novas tecnoloxías
A iniciativa percorreu durante o verán 15 concellos de toda Galicia e contou coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e da rede de Aulas CeMIT

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2023.- O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) remata con éxito a xeira de obradoiros Girl Steam realizados en 15 concellos de toda Galicia, a través da rede de Aulas CeMIT en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

Os talleres remataron a pasada semana, no centro Gaiás Tech de Santiago de Compostela, tras percorrer os outros 14 municipios no seu itinerario: San Sadurniño, Betanzos, Ribeira, Ortigueira, A Estrada, Celanova, Cuntis, Guitiriz, Santa Comba, Valga, Barreiros, Ribadeo, Vigo e Oroso, cun total de 314 nenas e nenos participantes.

As actividades dividíronse en dous grupos de idade. Os máis pequenos, cativos e cativas de 8 a 11 anos, encargáronse de elaborar pezas audiovisuais en formato stop motion a partir dun circuíto de luces LED construído por eles mesmos. Por outra banda, os máis maiores, de 12 a 15 anos, crearon tecidos intelixentes programando sensores con Arduino para elaborar unha prenda téxtil que reacciona aos cambios ambientais, de distancia, luz, etc.

O obxectivo principal destes obradoiros é impulsar actividades de mentorización en idades temperás, especialmente dirixido ás nenas, para espertar o seu interese neste eido e afianzar a confianza nas súas capacidades para cursar estudos “STEAM”, siglas que en inglés dan nome ao taller e nacen de incorporar a tecnoloxía STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) ás que se suman as Artes co fin de aprender a usar a tecnoloxía desde un punto de vista creativo e crítico.

“Desde o CPETIG valoramos moi positivamente estes obradoiros, que abren as portas das tecnoloxías STEAM ás rapazas e rapaces, que están chamados a ser os profesionais do futuro no noso campo. Desde o Colexio traballamos arreo para que este tipo de actividades sexan cada vez máis habituais e as metas cada vez máis ambiciosas. As idades temperás son clave nesta e noutras profesións, pero especialmente nun sector coma o noso no que seguimos poñendo esforzos para acadar unha igualdade real e efectiva no menor tempo posible”, explica Anxos Cabado, directiva e responsable do programa do ente colexial.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia agradece a todos os participantes, aos responsables da rede de Aulas CeMIT, á formadora Paula Tubío e á Amtega a súa entrega para que esta primeira edición de colaboración conxunta fose todo un éxito.